O Concello de Ponteareas convoca unha nova edición do Concurso de Gaitas do País, a que será a LVII, para o vindeiro 20 de setembro, consolidándose coma a festa musical, na súa especialidade, máis antiga de Galicia e «colocando a Ponteareas como referente no panorama da música tradicional galega», segundo indican desde a administración local.
Participarán no Concurso ata un máximo de dez grupos de gaitas, que poden estar compostos por persoas físicas ou xurídicas, e cuxo único requisito é utilizar instrumentos tradicionais galegos sen ningún tipo de modificación.
Premios do Concurso de Gaitas do País 2025
O LVII Concurso de Gaitas do País está dotado dun presuposto para premios de ata 9.200€ achegados pola administración local e diversos obsequios materiais cortesía da fundación pública Artesanía de Galicia. Deste xeito, o primeiro clasificado recibirá unha contía de 2.000€ e unha gaita tradicional galega do Obradoiro de Gaitas Gil; o segundo, de 1.600€ e un tamboril de Sanín Percusión Tradicional; o terceiro, de 1.200€ e o cuarto, de 800€. O resto de grupos que non acaden ningún dos catro primeiros premios recibirán unha cantidade de 600€ pola súa participación, independentemente da súa posición clasificatoria.
Inscrición
Para a inscrición, as agrupacións interesadas deberán cubrir o modelo facilitado polo Departamento de Cultura Municipal, que se aloxa na páxina web do Concello, e onde se atopa toda a información legal referente a esta cuestión. A solicitude cuberta deberá presentarse a través da Sede Electrónica mediante Rexistro de Entrada.
O prazo de inscrición xa está aberto e permanecerá deste xeito ata o próximo 14 de setembro, seis días antes da celebración do concurso. O día 17 de setembro, o Concello publicará a lista de grupos admitidos, o día 18 realizarase o sorteo en presenza do Secretario do Concello e o público que queira asistir.