O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, recibiu esta mañá na Casa Consistorial a Pablo Estévez, veciño da parroquia de Atios, tras ser recoñecido por sexta vez como Mellor Enólogo de Viños Xoves de España nos Premios Baco 2024, organizados pola Unión Española de Catadores (UEC).
Estévez suma así o seu sexto galardón nos últimos sete anos, converténdose nun dos nomes máis destacados da enoloxía estatal. Nesta edición presentou vinte viños, acadando tres premios Gran Ouro e o recoñecemento á mellor marca nova do ano en España, distinción que xa obtivo en cinco ocasións.
O propio Pablo Estévez sinalou que este recoñecemento “é froito do traballo, do esforzo e do compromiso”, e que supón para el “un orgullo persoal e tamén un recoñecemento a toda a dedicación que realizamos nas adegas co obxectivo de elaborar grandes viños”.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, subliñou que “é un orgullo para o Porriño contar con veciños como Pablo, que levan o nome da nosa vila por todo o país, destacando non só polos seus logros, senón tamén pola súa humildade e profesionalidade”.