miércoles, julio 16, 2025
InicioNewsActualidadeO Porriño leva a cabo obras de mellora viaria e de saneamento...

O Porriño leva a cabo obras de mellora viaria e de saneamento en Carracido, Torneiros, Mosende e Atios

O Concello do Porriño leva a cabo un conxunto de actuacións de mellora de infraestruturas nas parroquias de Torneiros, Mosende, Atios e no barrio de Carracido, por un importe total de 153.520,62 euros, financiado integramente pola Deputación de Pontevedra a través do Plan +Provincia 2024 e 2025. As obras inclúen a pavimentación de varios camiños municipais e a execución dunha nova rede de saneamento na Travesía de Novás.

A intervención viaria suporá a mellora de máis dun quilómetro de camiños en Coto do Muiño, A Relva, Contrasto (1 e 2) e O Regueiro, cun orzamento de 125.507,87 euros. O proxecto contempla traballos de limpeza, desbroce e perfilado de cunetas para mellorar a drenaxe, reforzo do firme con zahorra artificial e aglomerado en quente tipo AC-16, e a aplicación dunha capa de rodadura de 5 centímetros en todos os tramos. Tamén se prevé o realce de tapas de rexistro, a renovación da sinalización horizontal e a colocación de novos sinais de STOP.

Os tramos que se van renovar son os seguintes: 368 metros no camiño de Coto do Muíño, no barrio de Carracido; 318 metros en A Relva e 64 e 66 metros nos tramos 1 e 2 de Contrasto, en Torneiros; e 128 metros no camiño do Regueiro, en Mosende. As seccións das vías oscilan entre os 3 e os 5 metros de ancho, adaptándose ás características de cada camiño. Unha vez adxudicadas, as obras contarán cun prazo estimado de execución de dous meses e planificaranse con cortes puntuais de tráfico para minimizar as molestias á veciñanza.

No marco destas actuacións, tamén se leva a cabo unha obra de saneamento na Travesía de Novás, na parroquia de Atios, cun orzamento de 28.012,75 euros. A intervención permitirá dotar de rede de saneamento a catro vivendas mediante a instalación dun colector de 120 metros, tres pozos de rexistro e a repavimentación integral do camiño afectado.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou que “estas obras son fundamentais para dar resposta ás necesidades das parroquias do noso concello e do barrio de Carracido. Actuar en Coto do Muiño, A Relva, Contrasto, O Regueiro e na Travesía de Novás significa apostar polo rural, pola cohesión territorial e pola calidade de vida da veciñanza que vive nelas ou as utiliza a diario”.

Pola súa banda, o concelleiro Antonio Barros, sinalou que “o barrio de Carracido sempre tivo necesidades que foron demandadas pola veciñanza, especialmente no que respecta ao estado das súas estradas. Agora xa se levaron a cabo varios asfaltados e obras de saneamento, e actualmente estase traballando no acondicionamento de todo o barrio”.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS