miércoles, julio 16, 2025
InicioNewsActualidadeMos despide a súa "casa vermella" para dar paso á humanización de...

Mos despide a súa «casa vermella» para dar paso á humanización de Puxeiros

A histórica «casa vermella» de Puxeiros chegará estes días ao seu fin para dar paso a unha contorna máis accesible e humanizada. O edificio, construído no ano 1949, formou parte durante máis de sete décadas da vida social, comercial e residencial do núcleo municipal.

Ao longo da súa historia, a casa acolleu distintos usos que a filleron especialmente representativa: foi vivenda familiar, espazo comercial, almacén e mesmo aparcadoiro. O seu volume e localización estratéxica convertérona nunha referencia visual para xeracións de veciños e veciñas, marcando unha das principais entradas ao concello.

Dende o goberno local aseguran que «a demolición deste inmoble inscríbese no marco do ambicioso proxecto de humanización das avenidas de Puxeiros e Rebullón, que ten como obxectivo a transformación integral da zona».

A primeira pedra deste proxecto colocouse o pasado 1 de xullo nun acto institucional no que participaron representantes do Concello de Mos, Deputación de Pontevedra e Xunta de Galicia.

«A casa vermella foi testemuña de toda unha época que xa forma parte do pasado de Mos. Hoxe, coa súa desaparición, abrimos a porta a un futuro máis accesible, moderno e pensado para as persoas», afirma a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo. «Este derribo é moito máis ca unha obra: é un símbolo da transformación que estamos a impulsar para facer de Mos un concello máis habitable e próspero».

O proxecto de humanización da zona contempla a remodelación de 170 metros da Avenida de Puxeiros e 125 metros da Avenida do Rebullón, a humanización da rotonda dos Bois, a creación de beirarrúas accesibles, zonas verdes, xardíns e mobiliario urbano novo, a ampliación da calzada ata 7,5 metros e dobre carril nos accesos á rotonda, o soterramento das redes de iluminación pública e telefonía e unha nova rede de pluviais.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS