As forzas da orde investigan as circunstancias do suceso ocorrido esta mañá na praia de Borna, no municipio pontevedrés de Moaña. Foi un particular quen alertou ao 112 Galicia arredor das 9:15 horas, ao observar unha embarcación de recreo envorcada na zona e, ao seu carón, unha persoa aboiando.
De inmediato, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias informou ao persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Salvamento Marítimo, do Servizo de Gardacostas de Galicia, aos axentes da Garda Civil e da Policía Local de Moaña e á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade.
Tanto Salvamento Marítimo como o Servizo de Gardacostas e a Garda Civil desprazáronse ao lugar con medios de rescate que, ao chegar, só puideron confirmar o falecemento da persoa localizada.
Nestes momentos, continúase coas tarefas de investigación para determinar as causas do suceso e descartar que houbese máis persoas implicadas. A embarcación xa foi remolcada a terra.