lunes, julio 14, 2025
InicioNewsActualidadeTui traballa na recuperación da senda do río Caselas ao seu paso...

Tui traballa na recuperación da senda do río Caselas ao seu paso por Caldelas

Tui continúa a bo ritmo coas obras de recuperación da senda do río Caselas, na parroquia tudense de Caldelas. A actuación está dividida en dúas fases, a primeira a propia senda e a segunda a recuperación dos elemento etnográficos que suporá un investimento de 935 mil euros, a través do convenio asinado entre o Concello de Tui e a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, CHMS. Segundo este documento a CHMS aportará 748 mil euros e o Concello 187 mil euros.

As obras da primeira fase, referida a recuperación da senda propiamente dita, comezaron o pasado mes de maio, avanzando a bo ritmo os traballos, que unha vez concluídos permitirán camiñar pola beira do río Miño dende a vella Ponte Internacional até o límite do termo municipal en Caldelas, parroquia que limita a través do Miño con Salvaterra e do río Caselas con Salceda de Caselas.

Hai uns días comezou tamén a execución da segunda fase nesta zona de alto valor etnográfico. Consiste na restauración e posta en valor do Muíño do Medio no Souto de Arriba e do Muíño da Seña, así coma da levada existente. Contémplase tamén a creación de elementos de interpretación e posta en valor do antigo acueduto sobre o cauce do río Caselas.

A Confederación Hidrográfica do Miño Sil foi a encargada da redacción dos proxectos, licitación e adxudicación das obras a executar. Mentres, o Concello de Tui será o responsable do mantemento e conservación da senda unha vez concluídos os traballos.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, destaca que «coa construción desta senda do Caselas dáse satisfacción a unha vella aspiración de conectar toda a beira tudense do Miño con Salvaterra e Salceda de Caselas». «Esta actuación súmase á realizada nos últimos anos coa construción dunha ponte peonil sobre a desembocadura do río Louro, e ao acondicionamento da senda do Miño até a praia de Areeiros, e dende aquí até Caldelas, que son xa unha realidade».

Previamente executárase o tramo dende a rúa Olímpicos Tudense ate a vella Ponte Internacional. A aspiración, indica Enrique Cabaleiro, «é continuar río abaixo e poder unir cunha senda até Tomiño, que a súa vez permita chegar até a desembocadura do Miño».

A concelleira de Turismo e Patrimonio, Ana Núñez, destaca a «importancia desta nova senda do río Caselas, tanto para a propia parroquia de Caldelas, que suma un novo recurso aos seus atractivos turísticos e naturais, coma para o propio concello que incorporará en breve este novo percorrido natural a ampla oferta de sendas coas que conta ao longo de todo o termo municipal».

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS