O Centro de Iniciativa Empresarial do Polígono Industrial A Granxa acolleu hoxe o 11º Encontro de Networking Mercatus, unha xornada centrada na ciberseguridade nas empresas, organizada pola Cámara de Comercio de Tui. O evento reuniu a representantes do tecido empresarial, expertos en seguridade dixital e autoridades locais para abordar os retos e oportunidades que presenta a protección fronte aos ciberataques no ámbito empresarial.
A xornada, que contou coa presenza de Antón Fonseca, Presidente da Cámara de Comercio de Tui e Américo Temporão Reis, Vicepresidente da Confederação Empresarial do Alto Minho, ofreceu dúas ponencias nas que Rafael Pérez de la Calle, Market Leader de Ciberseguridade de Bureau Veritas para España e Portugal, e José Eugenio Torres Meira, responsable do Equipo de Investigación Tecnolóxica da Garda Civil de Pontevedra, abordaron cuestións clave sobre prevención, detección e resposta ante ciberdelitos.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, foi o encargado de pechar a xornada, agradecendo ás entidades organizadoras por escoller O Porriño como sede deste tipo de encontros: “É unha honra como alcalde poder pechar este undécimo encontro de Networking Mercatus, centrado nun tema tan importante e actual como é a ciberseguridade. Vivimos nun tempo no que o dixital forma parte esencial da vida das empresas e, con iso, tamén os riscos. Coñecer as ameazas, saber como previlas e aprender a protexernos é hoxe tan importante como calquera outro aspecto da xestión empresarial.”
Durante a súa intervención, o rexedor puxo en valor o potencial económico do municipio: “O Porriño é un municipio cunha forte estructura empresarial, con máis de 2.200 empresas activas, máis de 3,5 millóns de metros cadrados de solo industrial ocupado e un dos PIB máis altos da provincia. Cifras que nos sitúan como un referente económico e industrial en Galicia e que nos obrigan tamén a estar á vangarda en ámbitos como a dixitalización e a seguridade.”
O encontro rematou cun espazo de viño networking, no que os asistentes puideron establecer contacto directo con profesionais e entidades comprometidas coa seguridade dixital e o progreso tecnolóxico do tecido empresarial galego.