miércoles, julio 9, 2025
InicioNewsActualidadeO sindicalismo galego despide a Suso Díaz, ex secretario xeral de CCOO...

O sindicalismo galego despide a Suso Díaz, ex secretario xeral de CCOO e pai de Yolanda Díaz

O sindicalismo galego chora a morte de Suso Díaz, quen foi secretario xeral de CCOO e pai da vicepresidenta do Goberno, Yolanda Díaz. O acto de despedida terá lugar este mércolres 9 de xullo a partir das 18:30 horas no Tanatorio-Crematorio Albia da Coruña. «Posteriormente, terá lugar unha cerimonia de despedida reservada ao ámbito familiar», segundo indica o sindicato nun comunicado

O sindicalista ferrolán faleceu, segundo explican desde CCOO, aos 80 anos de idade. Díaz foi durante oito anos secreatario xeral do sindicato «en cuxos actos seguiu participando mentres a saúde llo permitiu».

Neste contexto, A Comisión Executiva Nacional de CCOO expresa que «as Comisións Obreiras están hoxe de loito» e traslada as «máis sentidas condolencias á familia e amizades de Suso Díaz, en especial ao seu fillo José Díaz —delegado sindical de CCOO— e á ministra de Traballo, Yolanda Díaz«.

Unha vida de compromiso

Nado en Ferrol en 1944, ingresou como aprendiz en Astano —actual Navantia Fene— aos catorce anos. Pouco despois, en 1962, participou na súa primeira folga e, con pouco máis de vinte anos, comezou a implicarse nas aínda clandestinas Comisións Obreiras.

A súa primeira detención tivo lugar en 1969 e volveu ser preso en 1972, tras os lutuosos sucesos de Ferrol do 10 de marzo dese ano. A brutal represión tras aqueles acontecementos levaríano varias veces ao cárcere. Con todo, sempre reivindicou a importancia da mobilización vivida en Ferrol esas datas en que «Galicia estivo na vangarda da loita obreira e antifranquista» —subliñaría nunha entrevista hai case tres anos.

En 1978, coa constitución do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, Suso Díaz entrou a formar parte dos seus órganos de dirección e na Comisión Executiva Nacional encabezada por Manuel Amor Deus. en 1992, no 5.º Congreso do sindicato, foi elixido secretario xeral, responsabilidade que mantería oito anos.

Entre outros feitos salientables, «no seu período á fronte do sindicato puxéronse os alicerces da Fundación 10 de Marzo, así como os primeiros vimbios para lograr que esa data fose institucionalizada como Día da Clase Obreira Galega —1997—, algo que se conseguiría nove anos máis tarde», tal e como explican desde CCOO.

No 2000, deulle o relevo a un dos seus máis estreitos colaboradores, o sindicalista coruñés Xan María Castro, falecido hai menos de dous anos. Desde ese momento, seguiu colaborando en todas as causas que considerou xustas e participando de xeito activo en todas as convocatorias do sindicato.

Recoñecemento do sindicato

No ano 2010, CCOO e a súa fundación distinguírono co Premio 10 de Marzo pola súa traxectoria de compromiso cos dereitos da clase traballadora e significación na loita polas liberdades de que hoxe gozamos. Uniu así o seu nome a outros que o precederan en tal distinción, como Manuel Amor, Sari Alabau, Santiago Álvarez, Elvira Landín, Fernando Randulfe ou Xesús Alonso Montero, por citar só algúns.

Os recoñecementos sindicais non se restrinxiron unicamente á súa organización, Comisións Obreiras. De feito, o ano pasado recibía o premio da Fundación Luís Tilve, da UGT-Galicia, aproveitando a ocasión para subliñar a importancia da unidade de acción sindical para mellorar a vida da clase obreira.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS