martes, julio 8, 2025
InicioNewsComarcasO son de The Rapants e Rebeliom do Inframundo acende o verán...

O son de The Rapants e Rebeliom do Inframundo acende o verán en Soutomaior

Soutomaior vén de anunciar dous concertos cos que os veciños e as veciñas así como as persoas que se acheguen ata este municipio poderán desfrutar do segundo sábado do mes de xullo. Trátase das actuacións de The Rapants’ e Rebeliom do Inframundo, dous dos grupos máis recoñecidos na actualidade dentro do panorama musical galego. A cita coa música terá lugar no Peirao de Arcade.

Concerto The Rapants en Soutomaior

A xornada, que será totalmente de balde, comezará ás 21:30 horas cunha sesión DJ de ‘A Duendeneta’. Ás 22:00 horas dará inicio o concerto de ‘The Rapants’, grupo orixinario de Muros que vén de encher esta mesma semana a Cidade da Cultura en Santiago de Compostela.

Rebeliom do Inframundo en Soutomaior

Xa a media noite, sobre as 00:00 horas será a quenda do grupo vigués ‘Rebeliom do Inframundo’, con máis de 10 anos de experiencia e «un habitual do panorama festivaleiro en Galicia», segundo explican desde o Concello.

Zona gastro

Aos dous concertos, que serán abertos ao público e de balde, sumarase unha zona gastro para que as persoas asistentes poidan comer e beber sen ter que desprazarse do lugar das actuacións, así como unha serie de actividades complementarias que terán lugar durante o transcurso dos concertos.

Horarios do concerto de The Rapants e Rebeliom do Inframundo

  • 21:30h: Sesión DJ de ‘A Duendeneta’
  • 22:00h: Concerto de ‘The Rapants’
  • 00:00h: Concerto de ‘Rebeliom do Inframundo’

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que “estes concertos son unha nova mostra da aposta que fai o Goberno local pola promoción e difusión do galego en todos os ámbitos. Tamén demostra que este Goberno programa para os públicos de todas as idades e que ten en conta todos os gustos”.

Lourenzo engadiu que «ter unha axenda de actividades tan completa e extensa como a de Soutomaior ao tempo que realizamos a maior cantidade de investimentos da historia do noso concello é posible grazas a unha xestión económica que rompe todas as previsións».

Para concluír, o alcalde convidou a que “todas e todos vos acheguedes este sábado ata o Peirao de Arcade. Non só para escoitar a mellor música do País, senón que para descubrir todo o que ten por ofrecer esta paraxe natural tan espectacular como é o final da Ría de Vigo, con praias a menos de 5 minutos a pé da zona dos concertos, unha oferta de restauración de gran calidade e un moi bo ambiente para todas as idades”.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS