O Concello de Salceda deu a coñecer a programación do denominado Verán Cultural e das Festas do Cristo. Os actos realizaranse dende o 5 ata o 21 de xullo en diferentes escenarios, e organizados polo Concello e por varios colectivos.
A alcaldesa de Salceda, Loli Castiñeira, quixo salientar «o agradecemento ao tecido asociativo, fundamental na programación de verán, destacando que a proposta de actos é un recoñecemento ao mellor de Salceda, que é a súa xente, con un programa centrado no noso, mostra do orgullo pola cultura salcedense». A alcaldesa quixo agradecer tamén a cantas persoas fan posible o desenvolvemento dos actos, nomeadamente «o voluntariado e o persoal, imprescindibles para levar adiante as festas».
Salceda aposta un ano máis pola programación local, dándolle o protagonismo ás diferentes asociacións do municipio. Así, por exemplo, o baile moderno chegará da man das asociacións de Soutelo, Parderrubias e San Xurxo, e o baile tradicional correrá a cargo dos grupos O Serán, Castro Barreiro e Xunco de Parderrubias.
Tamén a música terá un lugar destacado, coa celebración do XXXII Festival de bandas de música que este ano contará coas bandas de Goián e Merza acompañando á Cultural de Salceda o sábado 12, e que na véspera volverá reunir á canteira co festival de bandas infantil e xuvenil, que neste caso terá as bandas da Escola de Música de Goián e ás anfitrionas, as bandas infantil e xuvenil da Escola de Música de Salceda.
Outros concertos completan a programación, como o da banda de gaitas de Paramos o domingo 13, Pakolas o luns 14, La Mmarca o xoves 17 ou as Donicelas e Dakidarría o sábado 19 abrindo xa os actos das festas do Cristo.
E por suposto non poden faltar os imprescindibles, como son o desfile da Agrupación Gaiteira de Salceda e o estourazo o sábado 19 ou o acto cívico de nomeamento de salcedenses distinguidos/as o propio domingo 20.
Alex Rodríguez, Concelleiro de Cultura, aproveitou para convidar «á veciñanza a achegarse a gozar dos diferentes actos e das noites de verán en Salceda».