Esta mañá tivo lugar na Sala de Comunicacións do Concello do Porriño a sinatura do convenio entre o Concello e a Xunta de Galicia para a implantación do novo Grao Básico de Peiteado e Estética no IES Ribeira do Louro. No acto participaron o Alcalde, Alejandro Lorenzo; o Conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez González; María Eugenia Pérez Fernández, Directora Xeral de Formación Profesional; Carolina González, Concelleira de Educación do Concello do Porriño; César Pérez Ares, director territorial da CECUFP en Pontevedra; e Juana Muñoz Ibernón, Directora do IES Ribeira do Louro.
A través deste acordo, o Concello do Porriño poñerá á disposición da Conselleía de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, un espazo para impartir a nova formación, que forma parte da familia profesional de Imaxe Persoal, que contará con máximo de 18 prazas.
O novo Grao Básico de Peiteado e Estética terá unha duración de dous cursos académicos, cun total de 2.000 horas e 18 prazas para alumnado que obterá titulación oficial. Ofrece formación práctica e teórica en técnicas de limpeza e cambios de forma e cor do cabelo, maquillaxe, depilación, manicura e pedicura.
Esta aula-taller de peiteado está totalmente equipada con secadores, lavacabezas, vaporizadores profesionais… A parte práctica terá lugar no Multicentro de Torneiros, nunha das numerosas aulas homologadas que están á disposición da impartición de cursos, mentres que as sesións teóricas impartiranse no propio IES Ribeira do Louro.
O alcalde, Alejandro Lorenzo declarou que «hoxe é un día moi especial para o Porriño e para o futuro formativo da nosa mocidade. Asinamos un convenio fundamental que permitirá implantar este grao básico, abrindo portas ao futuro do alumnado e contribuíndo á súa formación e inserción no mercado laboral.”
Pola súa banda, o Conselleiro, Román Rodríguez, sinalou que “máis de 56.000 persoas veñen de solicitar praza para cursar algunha modalidade de Formación Profesional en Galicia o vindeiro curso” e subliñou que, unha vez máis, “estas cifras avalan o interese da cidadanía por estas ensinanzas en Galicia”. A primeira adxudicación de prazas realizarase o 15 de xullo e os interesados terán ata o 22 de xullo par formalizar a matricula.
A oferta de FP no Porriño acadará o vindeiro curso as 224 prazas ofertadas, das cales a meirande parte, 206, concéntranse no Ribeira do Louro, mentres que as outras 18 correspóndense co grao básico de Informática de Oficina no IES Pino Manso.