Música, traxes e cultura tradicional protagonizan a primeira fin de semana deste mes de xullo en Tui co V Festival da Cultura Tradicional e Folk que organiza a Asociación Cultural San Telmo.
O festival comeza este venres 4 de xullo coa inauguración da exposición “O traxe da muller aldeá” da man do grupo etnográfico Traxandaina. Trátase dunha valiosa mostra das roupas que vestían as mulleres aldeás, sobre todo, en Lugo, con elementos orixinais que se conservan até a actualidade. Estará aberta no Espazo Sociocultural da rúa Camilo José Cela até este domingo día 6.
Tamén o venres, ás 19.30h no mesmo espazo, terá lugar o concerto inaugural a cargo de Luís Prego, Cristóbal Pascual, Roberto Porto e Álvaro Iglesias, cun proxecto de cantigas e coplas vinculadas ao proceso de elaboración de traxes tradicionais e a arte de tecer. Leva por título “Fía na roca”.
O segundo día do festival, este sábado a actividade trasládase á praza de San Fernando. Aquí ás 19.30 h celebrarase o X Certame de Gaita e Tamboril. Logo, ás 22 h terá lugar o concerto “Cantares nos camiños” con María Vidal e Xisco Feijoo.
Trátase dun espectáculo didáctico que xurde a partir da recuperación da música tradicional galega que aparecía nos seis camiños principais a Santiago, todo un, traballo de investigación realizado durante anos por María Vidal e Xisco Feijoo.
Xa este domingo 6 de xullo ás 19.30 h celebrarase o X Día da Muiñeira de Tui cun desfile que partirá dende a rúa Ourense para chegar ao Paseo da Corredoira, onde terá lugar un concerto-exhibición. Participarán 14 grupos, serán Trompos Ós Pés (Marín); Andarela (Vigo); Flores do Galiñeiro (Vincios); Pais de San Roque (Cangas); Grupo Folclórico Ventos de Comesaña (Vigo); Peña Xuntanza (Vigo); Agrupación Cultural Xunco (Salceda de Caselas); Asociación Cultural Folclórica Tarambainas (Vigo); Lembranzas da Ría (Cangas); Asociación As Nosas Rúas (Vigo); Meiramar Axóuxeres (Moaña); Mosteiro Pexegueiro; Saragana Traxe de Tui; e Alfándega Asociación Cultural San Telmo, anfitrioa.
Esta é a primeira cita da programación cultural do verán organizada polo Concello de Tui, que continuará durante os meses de xullo e agosto cunha oferta pensada para todos os públicos e en escenarios patrimoniais únicos.
