martes, julio 1, 2025
InicioNewsActualidadeA piscina de San Eleuterio de Mos abre ao público para a...

A piscina de San Eleuterio de Mos abre ao público para a tempada de verán

A piscina municipal ao aire libre de San Eleuterio abre este martes 1 de xullo oficialmente as súas portas e estará operativa durante os meses de xullo e agosto, ofrecendo un espazo de lecer, deporte e convivencia para toda a veciñanza.

O horario de baño libre será de 12.00 a 21.00 horas de luns a venres e de 12.00 a 20.00 horas durante os sábados, domingos e festivos. A piscina contará con servizo de socorrismo, vestiarios con duchas de auga quente e persoal de mantemento e limpeza ao longo de toda a tempada.

Ademais do uso libre da piscina, a instalación acolle durante as mañás sesións monitorizadas incluídas no programa municipal ‘Exercítate no verán’, que se imparten de 11.00 a 11.45 horas os martes e xoves, ou ben os mércores e venres. Xa están as 60 prazas dispoñibles cubertas.

«Trátase dun dos espazos máis concorridos do verán en Mos, especialmente polas familias do municipio, que cada ano fan uso diario destas instalacións para refrescarse e gozar do tempo libre en comunidade» aseguran dende o goberno local.

Desde o Concello lembran tamén que continúan abertos os Parques da Auga da Pesqueira e de Sanguiñeda, operativos todos os días en horario de 12.00 a 14.00 horas pola mañá e de 16.00 a 21.00 horas pola tarde.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS