A Praza Arquitecto Antonio Palacios acolleu a presentación oficial da 58a edición do Rallye Recalvi Rías Baixas, unha das probas máis emblemáticas do calendario automobilístico estatal e cita clave do Supercampionato de España de Rallyes (S-CER).
O acto contou coa presenza do alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo; do presidente da Escudería Rías Baixas, Damián Giráldez; do piloto José Antonio Martínez del Río, así como doutros membros da organización e persoas vinculadas ao mundo do motor. Durante a presentación expuxéronse varios vehículos participantes e detalláronse os aspectos deportivos da carreira.
O rallye disputarase entre os días 3 e 5 de xullo, cun percorrido total de 449 quilómetros, dos que 129 serán cronometrados en tramos de competición. Entre estes tramos, destaca especialmente o que atravesa o Porriño, o tramo Gondomar–O Porriño, con 11,450 km, que será unha das etapas máis decisivas da proba.
O tramo que pasa por Porriño, previsto para o sábado 5 de xullo e que se poderá ver a partir das 12:18h pola maña e a partir das 17:18h pola tarde, converte «ao municipio nun dos escenarios centrais do rallye, non só polo seu tramo de competición, senón tamén pola súa relevancia na organización da proba» aseguran dende o goberno local.
O Porriño acollerá as verificacións técnicas e administrativas e será sede dun dos reagrupamentos oficiais, que se celebrará nas inmediacións do Pavillón de Deportes.