jueves, junio 26, 2025
InicioNewsActualidadeO alumnado do Obradoiro de Emprego “Queda en Mos III” instala unha...

O alumnado do Obradoiro de Emprego “Queda en Mos III” instala unha nova pérgola no IES de Mos

O Concello de Mos, a través da Concellería de Emprego dirixida por Julia Loureiro Campo, continúa a apostar pola formación dual e polo servizo á cidadanía mediante o desenvolvemento do obradoiro de emprego “Queda en Mos III”. Con tal motivo, o alumnado da especialidade de Carpintaría 3D rematou e instalou unha nova pérgola no IES de Mos, dando así resposta directa ás necesidades da comunidade educativa deste centro.

A estrutura, construída no taller municipal cunhas medidas de 8,85 x 3,40 metros, ofrece unha zona de sombra ao aire libre que poderá ser empregada polo alumnado do IES tanto para actividades educativas como de lecer. Esta actuación, levada a cabo polos 10 alumnos deste obradoiro xunto ao seu profesor Diego Covelo, súmase á recentemente executada no Colexio Plurilingüe Peña de Francia, onde se instalou outra pérgola de 3,20 x 5,00 metros.

O proxecto “Queda en Mos III”, que conta cunha subvención da Xunta de Galicia de 411.928 euros, permite formar a 20 alumnos e alumnas nas especialidades de Carpintaría 3D e de Marketing Dixital e Multimedia, combinando aprendizaxe práctica e servizo á comunidade.

Deste xeito, ademais destas pérgolas, o Concello de Mos promove outras actuacións a través do obradoiro, todas elas motivadas por demandas veciñais e educativas. Entre elas destacan a restauración do peche do Parque das Lagoas, tarefas de acondicionamento no Parque da Auga de A Pesqueira, a próxima instalación dunha nova pérgola na aldea de Alfacuca de 9,50 x 4,50 metros, ou a creación de mobiliario para distintas dependencias municipais.

O alumnado do obradoiro tamén colabora activamente na montaxe de estruturas e materiais para feiras e eventos que dinamizan a vida social e cultural do municipio, como a Mostra de Formación e Educación (FormaMos), a Feira da Saúde, a Festa da Rosa ou na Xuntanza Gastronómica BaResMos, entre outras.

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Emprego, Julia Loureiro Campo, sinalaron que “estas accións amosan o dobre compromiso do Concello: por unha banda, ofrecer formación práctica e cualificada ao alumnado dos obradoiros; e, por outra, dar resposta ás demandas reais da cidadanía, mellorando espazos públicos e escolares do noso municipio”.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS