“Formación de calidade sen saír da túa vila, da man de profesionais da Universidade Nacional a Distancia, con prezos públicos e con facilidades para asistir de xeito presencial ou online” así introducía a alcaldesa Nava Castro o curso de verán programado na sede da extensión universitaria da UNED en Ponteareas, “O poder da educación emocional: benestar persoal e relacións positivas”.
Coa finalidade de mellorar as habilidades persoais enfocadas tanto ao ámbito das relacións sociais como profesionais a UNED organiza este curso que se impartirá do 7 ao 9 de xullo e para o que xa está aberto o prazo de inscrición a través da páxina https://www.uned.es/universidad/inicio/estudios/cursos-verano.html
“A formación e orientación en competencias emocionais é fundamental para aprender a xerar estados emocionais positivos e, á vez, xestionar outras emocións como ansiedade, desesperación, tristeza, apatía, etc. que xorden en momentos determinados, e que condicionan a nosa saúde e benestar”, explicou Rafael Cotelo, coordinador de Extensión Universitaria do Centro Asociado da UNED en Pontevedra.
Xunto á alcaldesa, Nava Castro, presentou este curso que a través de relatorios teóricos e talleres prácticos aborda o ensino de competencias emocionais e estratexias de regulación emocional aplicadas ao ámbito persoal. O curso complétase con catro horas de consulta de materiais e participación activa do estudante no foro do curso virtual.
O curso será impartido polo Departamento de Métodos de Investigación e Diagnóstico en Educación II da UNED, dirixido por Mario Pena Garrido e coordinado por Lidia Losada.
Ao longo dos tres días, profesores de distintas Universidades Españolas completarán o programa das clases que se impartirán en horario de mañá e tarde. O alumnado que complete toda a formación recibirá un crédito ECTS.