martes, junio 24, 2025
InicioNewsActualidadeO Pazo de Mos converterase nunha pasarela de moda durante esta fin...

O Pazo de Mos converterase nunha pasarela de moda durante esta fin de semana

A V edición do Concurso de Novos Deseñadores DesfilaMos, que organiza a Asociación de Palilleiras de Mos coa colaboración do Concello de Mos, a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia -a través da Fundación Pública de Artesanía de Galicia- , terá lugar este sábado, 28 de xuño, a partir das 21.00 horas nos xardíns do Pazo de Mos.

Este ano, ao igual que o pasado, as persoas interesadas en asistir como público poden inscribirse e reservar cadeira na ligazón https://forms.gle/jAwHHnhhozW1HYrX8. Os inscritos recibirán a súa invitación personalizada para gozar do desfile en primeira fila.

Nesta quinta edición do certame compiten 10 coleccións de 12 deseñadores noveis, que optan aos seguintes premios:
1º premio: 600 euros + exposición da colección completa.
2º premio: 300 euros + exposición da colección completa.
3º premio: 150 euros + exposición da colección completa.
Premio especial do público: 100 euros + exposición dun estilismo a escoller.

Cada participante presentará unha colección de tres deseños, dous dos cales terán que levar encaixe artesán obrigatoriamente. A temática será libre, tanto en moda masculina como feminina.

Ademais dos deseños locais, tamén amosarán as súas propostas deseñadores e empresas xa consolidados procedentes de Polonia, Portugal (Peniche), Bulgaria ou Arxentina.

Durante a xornada do sábado daranse a coñecer os nomes dos finalistas así como o gañador do premio especial do público. Será o domingo, na XVII Xuntanza de Palilleir@s e Labores de Mos, que terá lugar durante todo o día, tamén no Pazo de Mos, cando se dea a coñecer o nome dos gañadores do concurso na final que se iniciará a partir das 17.00 horas. Pola súa banda, está xa confirmada a participación de cerca de 430 palilleiras na xuntanza do domingo.

Pero antes, o venres 27 de xuño, inaugúrase ás 21.00 horas a exposición no Pazo de Mos con obras dos traballos das Palilleiras de Mos, así como de Malgorzata Szpila, procedente de Polonia. A esta exposición uniranse despois, ata o 25 de xullo, as coleccións dos gañadores do certame así como o estilismo do premio especial do público.

DesfilaMos é un evento onde artesanía, moda e novos deseñadores que promoven a artesanía do encaixe de palillos “palilleir@s”. A iniciativa naceu tamén coa finalidade de apoiar a cultura, dinamizar o Camiño Portugués ao seu paso por Mos.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS