O Consello da Xunta aprobou esta mañá, na súa xuntanza semanal, a oferta pública de emprego do Servizo Galego de Saúde para o ano 2025. Esta nova convocatoria acadará as 3.460 prazas, tras decidirse unha ampliación de máis de 2.000 prazas ás inicialmente previstas.
Con carácter xeral, a taxa de reposición acada o 120 %, por ser o do persoal sanitario un sector prioritario. Desta vez, e co obxectivo de reducir a temporalidade do persoal dos centros sanitarios galegos, a Xunta aplicará, con carácter excepcional, a taxa adicional de reposición específica prevista na lexislación. Así, a oferta pasa das 1.460 prazas iniciais ás 3.640 finalmente previstas.
Do total de prazas ofertadas, 179 estarán reservadas á quenda de discapacidade xeral e outras 71 á quenda de discapacidade intelectual. De acordo coa súa distribución por estamentos, a OPE do Servizo Galego de Saúde en 2025 contará con 1.340 prazas para as categorías de persoal diplomado sanitario, 271 para licenciados sanitarios, 1.124 para o persoal sanitario de formación profesional e outras 725 para o persoal de xestión e servizos.
Máis polo miúdo, no caso do persoal diplomado sanitario destaca a oferta de 1.162 prazas de enfermaría, ás cales se engaden outras 109 de persoal de enfermaría especializada, ou as 45 de dietista-nutricionista.
No caso dos licenciados sanitarios, a categoría que contará cunha maior oferta será a de
médico de urxencias hospitalarias, 48, a de facultativo especialista en anestesioloxía e reanimación, 25, e a de facultativo especialista en psicoloxía clínica, 17.
No que atinxe ao persoal sanitario de formación profesional, a categoría de técnico en
coidados auxiliares de enfermaría disporá de 975 prazas, a de técnico superior en imaxe para diagnóstico de 60, e a de técnico superior de laboratorio de diagnóstico clínico doutras 60.
Por último, respecto das categorías que conforman o grupo de xestión e servizos, celador con 198 prazas, persoal de servizos xerais, 185, e o grupo auxiliar da función administrativa, 130, serán nas que se oferte un maior número de prazas.
Esta nova oferta, composta por 3.460 prazas, engádese ás pendentes de convocar de decretos anteriores, posibilitando a convocatoria de novos procesos selectivos en que se incluirán un total de 5.550 prazas de persoal estatutario do sistema sanitario público de Galicia.