O Concello do Porriño continúa o seu obxectivo de lograr o saneamento integral en todas as súas parroquias. Un novo proxecto, cun investimento de 344.382,01 euros, permitirá dotar deste servizo esencial a 38 vivendas do núcleo rural de Picouzo-Cruz- Cortés-Eirís, na parroquia de Budiño.
A obra dará resposta a «unha demanda histórica da veciñanza» e «porá fin ao uso de fosas sépticas», mellorando substancialmente a calidade de vida e contribuíndo á protección do medio natural. Trátase dunha das «actuacións máis relevantes dos últimos meses dentro da estratexia de equilibrio territorial e sustentabilidade impulsada polo Goberno local» aseguran dende o Concello do Porriño.
O Alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou que “cada nova conexión ao saneamento é unha conquista para o rural. Seguimos executando actuacións que garantan servizos públicos de calidade en todas as parroquias, sen excepcións. Esta obra en Budiño é un novo exemplo dese compromiso.”
A actuación contempla a instalación de 1.142 metros de novos colectores, repartidos en catro tramos e os seus ramais, así como a repavimentación de 5.450 m2 de superficie afectada.
Así, esta intervención súmase a outras xa realizadas noutras parroquias, dentro dun plan global que busca garantir equidade territorial, eficiencia nos servizos públicos e coidado ambiental.
“Non falamos só de infraestruturas, falamos de xustiza territorial, de ofrecer as mesmas oportunidades e condicións de vida a todos os veciños e veciñas, vivan onde vivan”, concluíu o alcalde.
O Concello do Porriño leva investidos máis de 600.000 euros na redacción dos proxectos totais para acometer o saneamento integral de todas as parroquias do municipio. Estes documentos técnicos foron xa remitidos á Confederación Hidrográfica, ao Ministerio de Fomento e a outras administracións, co obxectivo de obter as autorizacións correspondentes. «Este proceso de tramitación está a retrasar a licitación de novas obras» aseguran dende o goberno local.