O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o decreto da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración polo que se determinan as festas da Comunidade Autónoma de Galicia do calendario laboral para o ano 2026 e no que se fixan como festivos propios o os días de San Xosé (19 de marzo), o día de San Xoán (24 de xuño) e o Día Nacional de Galicia (25 de xullo).
A normativa estatal establece as 14 festas anuais de ámbito nacional non recuperables, remuneradas e de carácter obrigatorio. Destes 14 festivos, dous son elixidos por cada concello. Dos outros 12 restantes, nove son de carácter obrigatorio e non substituíbles a non ser que coincidan en domingo: 1 de xaneiro, Venres Santo (3 de abril en 2026), 1 de maio, 15 de agosto, 12 de outubro, 1 de novembro, 6 de decembro, 8 de decembro e 25 de decembro.
No ano 2026 hai dous festivos nacionais de carácter obrigatorio que coinciden en domingo: o 1 de novembro (Festa de Todos os Santos) e o 6 de decembro (Día da Constitución) que Galicia propón substituír polo 19 de marzo (San Xosé) e o 24 de xuño (San Xoán), tendo en conta que o 17 de maio (Día das Letras Galegas) cae en domingo en 2026.
Os outros tres festivos de carácter nacional son opcionais, é dicir, poden ser substituídos polas comunidades autónomas: o 6 de xaneiro, que en Galicia nunca se cambia, agás que coincida en domingo; o Xoves Santo (que en 2026 se celebrará o 2 de abril), que na Comunidade galega non se modifica de xeito tradicional; e dáselle a opción ás comunidades de escoller como opcional entre o 19 de marzo e o 25 de xullo. A Xunta sempre elixe o 25 de xullo, xa que é o Día Nacional de Galicia, tal e como quedou establecido polo Decreto 8/1978, do 10 de xullo.
Polo tanto, as festas do calendario laboral para Galicia no 2026 que se determinan son:
- 1 de xaneiro (Aninovo)
- 6 de xaneiro (Día de Reis)
- 19 de marzo (Día de San Xosé)
- 2 de abril (Xoves Santo)
- 3 de abril (Venres Santo)
- 1 de maio (Día do traballador)
- 24 de xuño (Día de San Xoán)
- 25 de xullo (Día Nacional de Galicia)
- 15 de agosto (Asunción da Virxe)
- 12 de outubro (Festa Nacional de España)
- 8 de decembro (Inmaculada Concepción)
- 25 de decembro (Natividade do Señor)
Ademais destes días, cada concello determina dúas xornadas festivas como propias da súa localidade.