A Consellería do Mar, no marco do modelo de cogobernanza que preside a xestión pesqueira en Galicia, vén de aprobar en consenso co sector varios plans de xestión e a veda para o choco nas rías de Vigo e Pontevedra, segundo explica nun comunicado a Xunta de Galicia. Estas medidas teñen como obxectivo garantir a explotación responsable e sostible dos recursos pesqueiros.
Veda do choco en Galicia no 2025
Queda prohibida a pesca do choco dende o 21 de xullo ata o 31 de outubro. Esta medida, solicitada polo propio sector e avalada por informes técnicos que constatan que a partir de xuño a captura de xuvenís medra nun 80% respecto aos meses anteriores, afecta tanto a profesionais como a quen practica a pesca de recreo.
Xestión da nécora e do camarón 2025
Por outra banda, foi aprobado o plan experimental para a xestión da nécora e do camarón coa arte de nasa que estará vixente dende o 1 de xullo ata o 30 de xuño do 2027. Mantense o periodo de veda recollida no plan xeral de explotación marisqueira para o trienio 2024-2026 e inclúe catro modalidades para o desenvolvemento da actividade, unha específica para as rías de Arousa e Vigo así como outra para a ría de Pontevedra. Tamén establece unha limitación do número de nasas a bordo segundo o tamaño da embarcación que vai de 75 ata as 250 nasas e o número de tripulares, con 75 nasas adicionais por cada un. En calquera caso, establécese un máximo de 225 nasas para ás embarcacións máis pequenas e de 550 nasas para as de maior tamaño.
Xestión da centola e do boi
Tamén foi aprobado o plan de xestión da centola e do boi que estará vixente dende o 21 de xuño ata o inicio da veda do ano 2026. En todo caso, este ano dita medida queda establecida, tanto para a zona A – dende a desembocadura do río Miño ata paralelo que pasa por cabo Corrubedo– como na zona B –dende o paralelo de cabo Corrubedo ata o meridiano que pasa polo cabo de Estaca de Bares– do 21 de xuño ata o 9 de novembro. Na zona C –dende o meridiano de Estaca de Bares ata o río Eo– queda establecida para a centola dende o 1 de xullo ata o 30 de novembro e no caso do boi do 27 de setembro ata o 2 de novembro. Establécese unha cota máxima de centola de 35 quilos diarios por barco e día, aos que se asignan 35 quilos adicionais por cada tripulante enrolado.
O departamento autonómico tamén sacou adiante unha modificación do plan experimental de pesca con trasmallos para as rías de Vigo e Pontevedra pola que se amplía de xeito extraordinario a época autorizada ata o vindeiro 18 de xullo en liña co solicitado pola Federación Provincial de Confrarías de Pontevedra. Nesta liña, foi autorizado o plan de xestión coa arte de boliche entre os meses de xullo e outubro deste ano coa lura e especies acompañantes como obxectivo.
San Xoan 2025 en Galicia
Con motivo da festividade de San Xoán e coa finalidade de satisfacer a demanda de sardiña nos mercados, a Consellería do Mar deu luz verde a autorizar ás embarcacións con porto base en Galicia e despachadas para a arte de raxú e piobardeira a saír do porto das 12:00 horas do domingo ata as 12:00 do luns 23 de xuño para a captura, desembarco e comercialización desta especie. Unha medida solicitada polo sector e que tamén establece como descanso alternativo o 24 de xuño.
Así, serán 401 embarcacións do xeito, 19 do raxú e 5 de piobardeira os que poderán operar o domingo para capturar esta especie da que se comercializaron o ano pasado máis de 14.400 toneladas por valor de 16,5 millóns de euros.