A Real Academia Galega (RAG) dedicaralle o Día das Letras Galegas 2026 a Begoña Caamaño (Vigo, 14 de outubro de 1964 – Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2014). Así o decidiu a institución no pleno ordinario celebrado esta mañá no pazo municipal de María Pita (A Coruña), unha sesión na que tamén se valoraron as candidaturas de Antón Tovar, Miguel González Garcés e Enrique Labarta Pose.
Deste xeito, a RAG celebrará a narradora, autora serodia de dúas novelas nas que reescribiu os mitos da Odisea e o artúrico, e xornalista, «nun momento en que urxe reconstruír o espazo dun xornalismo para a cidadanía, comprometido coa verdade e co uso do galego», segundo indican desde a institución. Coa lembranza de Begoña Caamaño, as Letras 2026 serán «unha festa asomada á contemporaneidade, á pulsión do presente e á ollada feminista que vertebrou o seu pensamento, o seu traballo intelectual e a súa biografía».
Unha voz feminina para as Letras 2026
A proposta de Begoña Caamaño foi presentada polas académicas Ana Romaní, Marilar Aleixandre, María López Sández, Margarita Ledo Andión, Chus Pato e Francisco Fernández Rei. De acordo cos estatutos da RAG, discutiuse canda as outras tres formalizadas na primeira xuntanza ordinaria do pleno da institución tras a sesión extraordinaria do Día das Letras Galegas do ano en curso. A homenaxeada no 2026 será de novo unha voz feminina, desta volta a dunha autora en singular pero que escolleu proxectarse no colectivo da palabra literaria e da voz xornalística.
“Literatura e xornalismo son na autora instrumentos para o coñecemento, outra forma de reflexión e acción, dende o rigor do saber, o estimulante exercicio da razón e a complicidade da maxia e dos soños”, reza o texto da candidatura aprobada. A figura de Begoña Caamaño, segundo o texto, dialoga hoxe cunha parte moi activa da profesión xornalística e literaria, trasladando outra experiencia de ambas as dúas. É unha obra para a ética, para o movemento, para o pensamento crítico, e para un país e un idioma que cultivou con precisión e esmero.
As propoñentes subliñan a imposibilidade de delimitar seccións na súa traxectoria, destacando a súa constante implicación con causas sociais, culturais e políticas. A súa biografía perfílase movida por unha magnética paixón vital de lúcida intelixencia e xenerosa determinación, atenta lectora da realidade social, audaz nas súas formulacións e vibrante no debate. Begoña Caamaño implicouse na defensa dos dereitos humanos, o pacifismo, a solidariedade, a dignidade e a liberdade, mobilizándose na crítica da inxustiza social, as opresións, o poder e os seus abusos, as desigualdades e os privilexios.
Feminismo
Begoña Caamaño debutou na madurez como narradora, aos 45 anos, con Circe ou o pracer do azul (2009). A este título seguiulle Morgana en Esmelle (2012), cuxa publicación cadrou co diagnóstico do cancro que acabou coa súa vida dous anos despois, cando acababa de facer os 50 anos.
A súa segunda e derradeira novela, Morgana en Esmelle, foi recoñecida con importantes galardóns, como o Premio Ánxel Casal ao mellor libro de ficción 2012, o Premio da AELG á mellor obra de narrativa 2012, o Premio da Crítica de narrativa galega 2012 e o Premio Losada Diéguez de creación literaria 2013. No arquivo da autora consérvase documentación para futuros proxectos, entre eles unha novela arredor da figura de Sherezade e a recreación da vida da súa bisavoa.
En Circe ou o pracer do azul, Caamaño inicia a reescritura de mitos dende a perspectiva feminista, traendo das marxes ao centro dous personaxes da Odisea, Penélope e Circe, que subverten os roles tradicionais e tecen unha relación de complicidade. Con Morgana en Esmelle, Begoña Caamaño propón unha reflexión contemporánea sobre o poder e a ética, completando unha novela contra a impunidade partindo do mito da materia de Bretaña e elementos de Álvaro Cunqueiro. A propia autora explicou que quixo «formular un debate contemporáneo, sobre que modelo de sociedade queremos».


A xornalista
Ademais da creadora literaria, as Letras Galegas 2026 tamén celebrarán a Begoña Caamaño xornalista. A RAG reivindícaa nun momento en que urxe defender o xornalismo como profesión crítica e comprometida coa verdade, o rigor e a calidade, apoiar a independencia dos medios públicos e promover o uso do galego en todo tipo de medios.
A protagonista do vindeiro 17 de maio representa todos estes valores, que cultivou ao longo dunha traxectoria profesional que arrincou no seu Vigo natal. Tras estudar o bacharelato no IES Alexandre Bóveda e titularse en Maxisterio, en 1986 comezou a exercer como xornalista nos servizos informativos da emisora viguesa Radio Noroeste e tamén traballou en Radio Popular.
En 1989 incorporouse á Radio Galega, onde formou parte dos servizos informativos, presentou e dirixiu programas como Andando a terra, Club Cultura e Expreso de Medianoite. Alén da radio, colaborou coa Axencia Galega de Noticias e asinou artigos en El Sol, A Nosa Terra, Tempos Novos e Novas da Galiza. Ante o micro ou sobre o papel, Caamaño cultivou sempre a precisión dos datos e da escrita, a consciencia da responsabilidade social do xornalismo, convencida da súa función de servizo público. Foi ademais presidenta do Comité Interempresas da CRTVG e unha das impulsoras da Asociación de Mulleres Galegas na Comunicación.