viernes, junio 20, 2025
InicioNewsActualidadeA Deputación de Pontevedra reclama a convocatoria de eleccións xerais nun pleno...

A Deputación de Pontevedra reclama a convocatoria de eleccións xerais nun pleno «en repulsa da corrupción»

A Deputación de Pontevedra aprobou este venres unha moción do Grupo Popular para solicitar ao presidente do Goberno de España a disolución das cortes e a inmediata convocatoria de eleccións xerais «para permitir que os españois, a través do seu voto, abran un novo tempo político», segundo indican desde a administración provincial. Unha sesión extraordinaria cun único punto na orde do día, a moción do grupo popular en defensa do estado democrático e de dereito e en repulsa da corrupción «que afecta á contorna persoal e política do presidente do Goberno», que foi aprobada cos votos favorables dos deputados populares porque os deputados dos grupos da oposición, decidiron ausentarse do Pleno. Así mesmo, os deputados do grupo popular renuncian a percibir os ingresos por asistencia a esta sesión plenaria.

“Condenamos a corrupción nun día no que a UCO está a rexistrar Ferraz, Adif e o Ministerio de Transportes. Un día no que os deputados do PSOE e BNG, que acaban de participar en comisións informativas e podían vir a este pleno, tiñan a ocasión para dar explicacións, trasladar todo o que viñeron manifestando estes días e, o máis importante, emitir o seu voto. Elixiron a peor das opcións. Decidiron adiantar a fin de semana. Estamos ante un PSOE á fuga: á fuga de non dar explicacións, á fuga de non condenar a corrupción, á fuga de non darlle a palabra aos españois e dando plantón a provincia, non ao PP”, argumentou o presidente Luis López antes do inicio da sesión ante preguntas dos xornalistas. Neste sentido, tamén se referiu á ausencia dos deputados nacionalistas. “O BNG é o amigo para todo do PSOE. Se o PSOE é seguidista de Ferraz, o BNG é seguidista do PSOE”, remarcou o mandatario provincial.

Así mesmo, o presidente da Deputación indicou antes de informar de que “todos os deputados renuncian as indemnizacións pola asistencia ao mesmo”. Sobre a xustificación da urxencia do pleno, afirmou López que “agardamos á comparecencia do presidente do mércores, pero como non houbo ningunha medida, automaticamente convocamos un pleno. Non hai máis que esperar ante un goteo diario de casos de corrupción nos que o foco está no presidente do goberno”, resolveu.

A proposta de acordo defendida polo voceiro popular Jorge Cubela incluíu seis puntos. En primeiro lugar, amosar o seu rexeitamento expreso á corrupción instalada «no seno do Partido Socialista, no Goberno de España e no entorno persoal e político máis próximo ao presidente Pedro Sánchez» e en segundo, condenar as acusacións realizadas polos membros do Goberno de España e os seus socios «atacando á Xustiza e xornalistas que están destapando as tramas de corrupción que rodean a Pedro Sánchez», tal e como indicou.

Tamén, esixir ao Goberno de España a inmediata «depuración de responsabilidades políticas derivadas dos casos de corrupción coñecidos nas últimas datas» e solicitar dos seus socios nas distintas institucións a revisión dos acordos de goberno ou apoio político; requirir ao Goberno de España que de xeito urxente, adopte as medidas necesarias para garantir a colaboración activa con todas as instancias xudiciais, parlamentarias e administrativas que investigan posibles irregularidades na súa xestión. Así mesmo, rexeitar e retirar todos os nomeamentos e recoñecementos  protocolarios ou condecoracións en favor de persoas vencelladas «con estas tramas de corrupción e, particularmente, a Isabel Pardo de Vera».

Finalmente, e como punto principal, con esta moción a Deputación solicita ao presidente do Goberno de España a disolución das Cortes e a inmediata convocatoria das eleccións xerais para permitir que «os españois, a través do seu voto, abran un novo tempo político».

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS