lunes, junio 16, 2025
InicioNewsPontevedra celebra a primeira edición da "Feira Marica" no marco da programación...

Pontevedra celebra a primeira edición da «Feira Marica» no marco da programación do Orgullo PTV+2025

O Concello de Pontevedra vén de presentar a programación do Orgullo PTV+ 2025 na que colaboran as concellarías de Cultura, Deportes e Igualdade xestionadas por Demetrio Gómez e Anabel Gulías, e o tecido asociativo da cidade: Avante LGBT+ Pontevedra e Arelas, a Área de Diversidade da Universidade de Vigo, a Facultade de Belas Artes, Atardecer Solidario, as librerías Paz e Seijas e as galerías de arte Tangram e Sedearte.

Cando comeza a Festa do Orgullo en Pontevedra?

Serán dúas semanas, dende o 17 ao 30 de xuño, «inzadas de actividades para visibilizar e poñer a diversidade no centro, apostando por facer da cidade un espazo seguro e acolledor», segundo explican desde a administración local.

O inicio das actividades comeza en colaboración co Diario de Pontevedra o vindeiro martes, 17 de xuño, ás 19.00 horas, no terceiro andar do Teatro Principal. O faladoiro A diversidade nas aulas… Materia pendente?, abordará a enquisa realizada este curso escolar nos centros de ESO, Bacharelato e FP de Pontevedra para analizar a realidade LGBTIQA+ dentro das aulas. Contará coa participación de Anabel Gulías, concelleira de Igualdade; Eva Mejuto, en representación do programa Pinto e Maragota, e alumnado e profesorado do Equipo de Igualdade do IES Valle Inclán. O faladoiro estará conducido pola xornalista Belén López.

A programación cultural de palestras do Orgullo corre a cargo do colectivo Avante LGBT+ Pontevedra e comeza co faladoiro Referentes memoria LGBTIQA+ galega coa activista trans Laura Bugalho, que se celebrará o mércores 18 ás 19.00 h na Casa das Campás. Esta actividade conta co apoio de Atardecer Solidario. O afondamento na memoria do colectivo é o centro da actividade prevista para o xoves 19 coa presentación do libro Vidas e Historias LGBT da Idade Media, (Xerais 2024) con Carlos Callón, que se organiza na Libraría Paz ás 19.00 h.

Primeira Feira Marica

sábado 21 será a primeira edición da Feira Marica: arte e autoedición LGBTIQA+ Pontevedra que ten a Facultade de BBAA e ESDEMGA «como gran motor de creación artistica e a arte queer terá tamén o seu espazo desde as 12.00 ata as 20.00 h nos Xardíns de Marescot (diante de Belas Artes)«, tal e como indican desde o Concello. Esta é unha iniciativa de Avante LGBT+ Pontevedra en colaboración coa área de Diversidade da UVigo, Galería Tangram e Sedearte.

No luns 23 de xuño, no inicio da “semana grande” do Orgullo, está programada a presentación  da instalación “ORGULLO PTV+” no balcón da casa consistorial. Unha forma artística e reivindicativa de engalanar o centro da cidade, referente xa a nivel galego e estatal.

Os faladoiros de Avante continúan o martes 24 de xuño coa actividade A pegada lésbica nos deportes de contacto: Fútbol gaélico e Rugby, con Lavandeiras de San Simón e Eli Martínez Rosales. Desde Avante destacan a necesidade de reflexionar sobre a realidade, a visibilidade e a discriminación ao colectivo LGBTIQA+ no deporte, aproveitando ademais a celebración do Multisport Tríatlon na cidade, coincidindo coa celebración do Orgullo. A palestra celebrarase na Casa das Campás ás 19.00 h.

mércores 25 o debate xirará arredor das persoas racializadas dentro do colectivo, coa finalidade de analizar as dobles e triples discriminacións ás que se ven sometidas estas persoas, co faladoiroEspazo ocupado: habitar sendo a franxa marrón do arco da vella, na que participarán Aranxa Vicens e Dana Rodríguez.

xoves rematan as actividades culturais coa presentación do libro Insubmisión ambigua (Xerais 2025) con Ana Amigo, Ánxela Lema, Ártemis López e Bea Saiáns na Libraría Paz, ás 19.00 h. Trátase dunha reflexión arredor disidencia do binarismo de xénero, da heteronormatividade e da monosexualidade.

venres 27 Avante LGBT+ rende homenaxe ao xestor cultural e membro do colectivo Marcos López, que faleceu inesperadamente o pasado mes de agosto, figura fundamental nas actividades do Orgullo de Pontevedra nos últimos anos. O acto terá como escenario o Teatro Principal ás 19.00 horas e contará coa première do coro queer SenD-Coro, idea orixinal de Marcos López dirixida por Marcelo Dobode e a performance artística de Manuel Albariñas.

Actuación de Mondra en Pontevedra

Ese venres, dentro da programación do Multisport Tríatlon, terá lugar a actuación de Mondra, ás 22.00 horas na Praza de España, referente queer galego dentro da música tradicional.

O prato forte do Orgullo PTV+ será o sábado 28 de xuño, coa festa no Parque das Palmeiras que comezará ás 12.30 h coa actuación do coro dirixido por Bonnie Cooper Happy Singers. A sesión vermú correrá a cargo do grupo liderado polo activista trans Éric Dopazo Piratas sen parche, para dar lugar ao xantar colorido no mesmo parque das Palmeiras. De 16.30 h – 20.00 h ambientará a tarde Duendeneta Dilleis e tamén haberá actividades para a rapazada, Contos do arco da vella, unha actividade familiar con Cris de Caldas. Ás 20.00 h terá lugar a manifestación do Orgullo 2025, impulsada por Avante e Arelas:  baixo o lema Nin un paso atrás, nin unha letra menos! Con saída e remate no Parque das Palmeiras e lectura de manifesto (con interpretación en lingua de signos).

Ás 23.00 h será o concerto do grupo LERIA e ás 00.30 sesión DJ con Yaya DJ. Durante toda a xornada haberá Punto Arco Iris, Postos informativos de Avante LGBT+ e Arelas e un espazo tranquilo.

Club de lectura

E como remate das festas pero como inicio dunha iniciativa que continuará durante o verán e o curso académico, o luns 30 de xuño a partir das 18.00 h arranca o Club de lectura e creación queer, unha iniciativa da Librería Seijas  para público mozo (a partir de 12 anos). A reserva de praza debe facerse en seijaslibreria@gmail.com

Do 23 ao 27 de xuño, ás 20.30 h volve AmbientaMostra Internacional de cinema LGBTIQA+, que este ano incorpora dúas novas entidades colaboradoras, o ciclo Amal en ruta e os Premios Feroz, amais das colaboracións habituais de FIC Bueu e Cineclube Pontevedra. As proxeccións serán sempre ás 20.30 hoas no Teatro Principal.

Proxeccións en Pontevedra

Luns, 23 de xuño

  • Inauguración de Ambienta con Demetrio Gómez, concelleiro de Dinamización Social e Cultural do Concello de Pontevedra.
  • Proxección de Delirio Skechs, webserie galega de humor surrealista. Presentación delirante a cargo de Mercedes Pezón (Javier Sánchez “Meiga-i”), High Paw, Tamy (Laura Merchán), Psicóloga Susana (Cata Ukelele) e posterior coloquio coa directora. Delirio Sketchs é un proxecto audiovisual dirixido por Bea Saiáns e producida por CRU & Cimbalino Filmes (Galicia 2025, 15′, VOG). *Selección de Avante LGBT+ Pontevedra

Martes, 24 de xuño

  • Proxección do filme Ocaña retrato intermitente (Ventura Pons, España 1978, 85′, VOE) *Sección Panorama no Festival de Berlín (1978) e Sección oficial no Festival de Cannes (1978). *Selección de Cineclub Pontevedra

Mércores, 25 de xuño

  • “Le Bleu du caftan” (Maryam Touzani, Marrocos 2022, 122’, VOSE). Candidata no 75 Festival de Cannes a mellor filme “Un certain regard” e gañadora na categoría mellor actriz (Lubna Azabal) na 67 edición da Seminci. Candidata por Marrocos aos Premios Oscar. *Selección de Amal en Ruta.

Xoves, 26 de xuño

  • Proxección do capítulo primeiro da serie Mariliendre (Javier Ferreiro, España 2025, 40´, VOE). Coa presenza do creador da serie, Javier Ferreiro, para presentación e coloquio coa xornalista Mariona Borull. *Selección de Premios Feroz.

Venres, 27 de xuño

  • Big boys dont´t cry (Arnaud Delmarie, Francia 2025, 25′, VOSE)
  • Solo KIM (Javier Prieto de Paula, Diego Herrero, España 2024, 15′ VOE)
  • Three (Amie Song, Estados Unidos 2023, 20’, VOSE) 
مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS