lunes, junio 16, 2025
InicioNewsComarcasPonteareas serve 2.000 almorzos en dous meses co concurso SaboroTea

Ponteareas serve 2.000 almorzos en dous meses co concurso SaboroTea

Dinamizar a hostalaría, promover o encontro e facer a vila máis atractiva son algúns dos obxectivos do concurso de almorzos Saborotea que pecha a segunda edición «coa exitosa cifra de preto de 2.000 almorzos servidos nos once locais participantes«, segundo indican desde o Concello.

“Ofrecer alternativas de lecer e fomentar a vida social a través de actividades fai que as nosas rúas e prazas se enchan de persoas que no seu tránsito e paseo paran nos escaparates e desfrutan do seu tempo na hostalaría local”, explicou o concelleiro de Comercio, Ricardo González, no transcurso do acto de entrega de premios do concurso Saborotea  que nesta edición gañou La Chiquitita coa proposta “Peramelizada en brioche”, queixo mozzarella e gorgonzola, pera caramelizada e virutas de bacon acompañadas por un chupito de mango e soia con sementes de chía. 

O xurado composto polas profesoras do Ciclo Medio de Panadería, Repostería e Confitería da EFA A Cancela acordaron entregar o segundo premio a El Regreso que presentou unha “Tosta dos Sentidos” en pan de sementes con AOVE, confitura de pemento de Guláns, rúcula, mango, queixo de cabra gratinado, crema de módena, framboesa e noz cunha alternativa para celíacos. O terceiro premio recaeu na cafetería Romi A Romi 2.0 que quixo levar a versión do ano pasado un paso máis aló pero sen perder a esencia da Romi, mantendo a base de marmelada de pemento de piquillo e queixo tetilla fundido sumando atún como achega de proteína, unha fresca mestura de cóengos e rúcula, aguacate para darlle untuosidade e unhas sementes de sésamo.

Premios do SaboroTea

A cafetería gañadora recibiu un vale para un curso profesional de elaboración de brunchs para catro persoas e o segundo e terceiro premio poderán desfrutar dun curso de varistas para tres persoas agasallo da empresa Cafés DoNoso. 

Concello e xurado decidiron salientar tres aspectos dos almorzos, a calidade do café, os beneficios para a saúde e o servizo prestado. Así, entregaron unha mención especial ao Café Cortiñas como mellor café, a Papelón con Limón como almorzo saudable e á cafetería Goya

A todos os locais participantes non premiados o Concello entregou un vale de 30€  para mercar no comercio local, “conectando así comercio, hostalaría e clientes para todos xuntos facer vila”, explicou o Concelleiro de Ensino sinalando a importancia de deseñar accións conxuntas que dinamicen a economía e a vida social. 

Premios para os clientes e as clientas

No transcurso do acto tamén se procedeu ao sorteo público dos premios para os clientes que depositaron debidamente selado o seu pasaporte nas caixas habilitadas nos locais participantes. Lotes de viños, vales para as termas de Salvaterra de Miño, vales para o circuíto termal de Mondariz, menus para ceas e almorzos, entre outros moitos premios aportados por empresas, comercios e hostalaría local. O concello tamén sorteou vinte vales de 20€. 

A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, felicitou a todos os locais participantes e agradeceu a colaboración do xurado. “Estou moi orgullosa porque hai un importante salto cualitativo e se o ano pasado todos os almorzos eran apetitosos este ano moitísimo máis porque hai un plus de innovación e creatividade que amosa a vosa implicación e gañas de superación. Algo que reverte na mellora da oferta para o cliente”.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS