lunes, junio 16, 2025
InicioNewsActualidadeDende Luar na Lubre ata a Asociación Agaela: Rueda anuncia as Medallas...

Dende Luar na Lubre ata a Asociación Agaela: Rueda anuncia as Medallas Castelao 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe o nome dos cinco galardoados coas Medallas Castelao 2025, despois de que o Consello aprobase esta mañá concedérllelas ao grupo Luar na Lubre, ao escritor Víctor Freixanes, ao empresario Emilio Pérez Nieto, á médico de familia Rosa Rodríguez Álvarez e á Asociación Galega de Afectados de Esclerose Lateral Amiotrófica (Agaela). “Trátase dun dos recoñecementos máis importantes que outorga a nosa comunidade”, subliñou.

Música e xornalismo

Rueda salientou que unha das medallas vai para o grupo Luar na Lubre, unha das bandas de música de raíz “máis internacional de Galicia” e que neste 2025 celebra o seu 40 aniversario. O presidente explicou que a agrupación, creada na Coruña en 1985, “é unha das mellores embaixadoras da música galega polo mundo” logo de vender máis de 400.000 discos e ofrecer máis de 2.000 concertos por 35 países.

No eido cultural tamén recibirá unha das Medallas Castelao 2025 o escritor e xornalista Víctor Freixanes, quen estivo á fronte da Real Academia Galega durante os últimos oito anos. «Trátase dunha das voces máis importantes da literatura galega das últimas décadas”, sinalou Rueda, que destacou que o autor compaxina a súa faceta literaria coa docencia na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela.

Medicina e sector do motor

Por outra banda, o Consello recoñece con esta distinción o labor do empresario Emilio Pérez Nieto, presidente honorífico do grupo Pérez Rumbao, líder no sector da automoción en Galicia con 50 compañías, 60 talleres e 1.900 empregados. O presidente destacou que se puxese á fronte da empresa familiar con só 23 anos –“convertíndoa  en todo un referente”– e que contribuíse a dar voz ao tecido produtivo da Comunidade a través de diferentes entidades como a Confederación de Empresarios de Galicia, a Asociación Galega de Empresa Familiar ou o Foro Económico de Galicia.

Outras das medallas recae este ano na doutora Rosa Rodríguez Álvarez, en representación dos médicos de Atención Primaria de Galicia. Tras 35 anos exercendo no centro de saúde de Adormideras (A Coruña), acaba de iniciar a súa xubilación. O presidente asegurou que se trata dun bo exemplo da “dedicación e constancia” que caracteriza os profesionais do sistema sanitario galego.

E, por último, o Consello acordou tamén concederlle unha medalla a Agaela, entidade sen ánimo de lucro que traballa desde 2009 para visibilizar a enfermidade da ELA e mellorar a calidade de vida dos afectados. Na actualidade, a asociación dá apoio a máis de 130 familias de toda a Comunidade.

A Medalla Castelao é unha condecoración de carácter civil outorgada pola Xunta de Galicia ás personalidades e institucións que destacan polo seu traballo no eido artístico, literario, deportivo, económico ou intelectual. “A gala de entrega terá lugar o vindeiro 28 de xuño, como todos os anos, coincidindo co aniversario da aprobación en plebiscito do Estatuto de Autonomía de Galicia e do regreso á nosa comunidade dos restos mortais de Castelao”, explicou o presidente.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS