O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe a activación da liña de préstamos de ata 1 M€ por empresa, cun prazo de ata doce anos e unha carencia de catro, “o dobre do habitual”, para apoiar as compañías galegas afectadas polos arenceis dos Estados Unidos.
A nova modalidade intégrase na liña de financiamento empresarial en Galicia, cun orzamento global de 50 millóns de euros, e está deseñada para mitigar o impacto da política arancelaria estadounidense, reforzar a presenza internacional das empresas galegas e impulsar a súa capacidade competitiva fronte ás novas barreiras comerciais.
O Goberno galego calcula que o volume de préstamos solicitado ao abeiro desta liña poderá acadar os 10 millóns de euros durante o exercicio 2025, tendo en conta o peso das operacións comerciais cos EE.UU. en 2024. A liña está dirixida a empresas con centros de traballo maioritariamente en Galicia, que acrediten un volume mínimo de operacións comerciais cos Estados Unidos igual ou superior a 100.000 euros, ou ben que superen o 10% das súas vendas neste mercado.
O titular do Executivo galego sinalou que a posta en marcha deste instrumento financeiro compleméntase cun conxunto máis amplo de actuacións impulsadas pola Xunta no ámbito da internacionalización. Así, a conselleira de Economía e Industria, Mª Jesús Lorenzana, detallou que dentro do programa Reacciona, activarase un novo servizo de consultoría especializada en apertura de mercados, destinado a acompañar as empresas na súa estratexia de diversificación.
Ademais, xa está operativa unha oficina técnica de apoio, dependente da Oficina Económica de Galicia e en colaboración coa Antena do Igape en Miami, que ofrece atención personalizada e seguimento continuo da situación.
Lorenzana sinalou que desde o pasado mes de abril, «a Xunta mantén un diálogo activo cos sectores económicos máis expostos á nova política arancelaria, con encontros sectoriais que abarcaron desde o agroalimentario ao naval, pasando pola biotecnoloxía, a loxística, o metalmecánico ou os materiais de construción». Esta interlocución directa co tecido produtivo galego está «a permitir identificar as necesidades reais das empresas e adaptar as respostas institucionais aos retos do contexto internacional nun momento de incertezas”
Así, a conselleira apuntou a que “é clave ter unha resposta coordinada desde o primeiro momento” e que con esta nova liña de préstamos e o resto de medidas postas en marcha, a Xunta de Galicia reafirma o seu compromiso co tecido empresarial galego e coa súa internacionalización, na procura de acadar novos mercados e seguir medrando e gañando competitividade.
O presidente lembrou que o Goberno estadounidense ten previsto aplicar aos países da Unión Europea un incremento do 50% ás taxas dos produtos importados a partir do vindeiro 9 de xullo.