sábado, junio 14, 2025
InicioNewsActualidadeMáis de 15.000 empresas colaboran na FP Dual en Galicia con case...

Máis de 15.000 empresas colaboran na FP Dual en Galicia con case o 100% de inserción laboral

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado polo conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, destacou hoxe ás empresas que apoian a FP Dual «como motor económico e social en Galicia«, segundo explicou.

Durante a súa intervención no encontro institucional Unión pola Formación Profesional, un acto organizado pola Xunta de Galicia para renovar o compromiso conxunto entre administracións, centros educativos, empresas e cidadanía, o titular do Executivo galego salientou a súa axuda para «consolidar na nosa comunidade un modelo formativo útil, moderno e conectado coas necesidades reais do mercado laboral».

Empresa comprometida coa FP Dual en Galicia

O acto tamén incluíu a sinatura dun acordo entre a Xunta de Galicia e a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) co obxectivo de reforzar o papel da FP Dual no tecido galego a través da creación do Selo Empresa Comprometida coa FP Dual que recoñecerá ás entidades que apoien activamente este modelo formativo. As empresas distinguidas con este selo poderán acceder a beneficios como procedementos administrativos preferentes e simplificados, vantaxes en contratación pública (valoración como criterio de desempate), acceso prioritario a programas e redes de innovación e recoñecemento público por parte da Administración galega que poderán usar na súa comunicación corporativa.

Así pois, a Unión pola Formación Profesional está concibida como unha oportunidade «para seguir avanzando na construción dun sistema de FP Dual Xeral e Intensiva máis eficiente, inclusivo e axustado ás necesidades do mercado laboral galego e que permita afrontar conéxito os desafíos de futuro en termos de emprego e competitividade empresarial«.

Este pacto abrangue unha serie de accións específicas encamiñadas a afianzar e consolidar o modelo galego de FP como a colaboración entre empresas e centros educativos, a adaptación da oferta e o deseño de programas de alta especialización, a creación de prazas de formación dual, acompañamento e mentoría e promoción da orientación e a inclusión.

Rueda destacou que “un país sen oficios é un país sen futuro” e puxo en valor a evolución da FP galega que está a ofrecer oportunidades tanto á mocidade como ás persoas adultas que buscan reconectarse coa aprendizaxe e acceder a novos empregos. Salientou que a FP en Galicia deixou de ser unha opción secundaria para converterse nunha vía de prestixio e éxito educativo, cunha inserción laboral crecente e recoñecida polos propios datos. Neste sentido, o titular do Goberno galego quixo agradecer o esforzo dos docentes e o seu compromiso co alumnado.

Segundo explicou, neste curso académico a FP superou un novo récord con case 69.000 alumnos matriculados, o que supón duplicar o número rexistrado hai 15 anos. A realidade, apuntou, demostra que cada vez máis persoas “queren ocupar esas prazas” porque entenden que a FP é unha vía sólida para o desenvolvemento persoal e profesional.

O presidente da Xunta tamén puxo de manifesto que Galicia foi quen de «construír un modelo propio de FP, hoxe considerado referente a nivel estatal, sustentado na colaboración coas empresas, a innovación, a flexibilidade e a adaptación ao territorio». Así, neste senso, subliñou que máis de 15.000 empresas colaboran co sistema galego de FP, e que o grao de inserción laboral supera o 85% ao ano de rematar os estudos, chegando practicamente ao 100% no caso da FP Dual Intensiva, “un exemplo perfecto de colaboración público-privada” que axuda a cubrir vacantes nas empresas.

Nova oferta de Formación Profesional

A FP galega chega a todas as realidades da comunidade (zonas urbanas e rurais, mozos e adultos, mulleres e colectivos vulnerables) e a súa oferta continúa ampliándose. A nova programación para o curso 2025-2026, recentemente presentada, contará con 49.164 prazas de novo ingreso, 2.500 máis que o curso anterior, repartidas en 251 titulacións diferentes (incluíndo 40 novas), 28 másters, 31 títulos de alta especialización e 15 programas específicos para persoas con necesidades educativas especiais.

As formacións aceleradas en sectores como a hostalaría ou a automoción, a FP Básica para adultos ou a FP Básica Adaptada, iniciativas apoiadas no Plan FPGal360, son iniciativas pioneiras en España coa finalidade de combater o abandono escolar, mellorar a cualificación da poboación e reforzar a orientación académica e profesional.

O presidente salientou que con esta aposta pola FP, a Xunta busca garantir o dereito a unha vida mellor a través da formación e do emprego, asegurando a liberdade de escolla e a posibilidade de desenvolverse profesionalmente sen abandonar Galicia. De feito, case o 93% dos titulados en FP traballan actualmente na Comunidade.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS