sábado, junio 14, 2025
InicioConcellos +A CañizaA Orquesta de Cámara Galega actuará dirixida por Rogelio Groba na Igrexa...

A Orquesta de Cámara Galega actuará dirixida por Rogelio Groba na Igrexa de Valeixe, na Cañiza

O vindeiro sábado 21 de xuño a Igrexa Parroquial de Santa Cristina, na parroquia de Valeixe da Cañiza, acollerá un concerto de cámara impulsado por Red Eléctrica Española (Redeia) con motivo do seu corenta aniversario.

O espectáculo será a cargo da Orquesta de Cámara Galega e estará dirixido polo mestre e compositor galego Rogelio Groba Otero. Ademais, a entrada será gratuíta ata completar aforo e o evento dará comezo ás 20:00h.

«Estamos profundamente orgullosos de que A Cañiza sexa o lugar elexido por Redeia para escoller o primeiro concerto do seu corenta aniversario a cargo da Orquesta de Cámara Galega» sinalou o alcalde da Cañiza, Luís Piña. «É un recoñecemento ao valor cultural e patrimonial do noso municipio, e en particular, á Igrexa de Santa Cristina de Valeixe, un espazo cunha acústica excepcional que resulta ser un marco idóneo para a música clásica».

Durante o concerto, o publico poderá desfrutar dun programa que combina repertorio universal con creación contemporánea, incluíndo obras de W.A Mozart, E. Grieg e o propio Groba.

Deste xeito, Red Eléctrica Española ten como obxectivo con este ciclo de concertos celebrar as súas catro décadas de historia así como «poñer en valor o patrimonio histórico-artístico de Galicia a través da música».

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS