Domingo, Febreiro 1, 2026
HomeNewsActualidadeClaudio Giráldez, adestrador do Celta, recibirá o Premio Antonio Palacios ao Deporte...

Claudio Giráldez, adestrador do Celta, recibirá o Premio Antonio Palacios ao Deporte no Porriño

O Concello do Porriño acollerá este sábado 14 de xuño a II edición dos Premios Antonio Palacios que terá lugar na Praza Arquitecto Antonio Palacios e contará cunha ampla programación de actividades culturais, artísticas e musicais ao longo de todo o día. A Gala dará comezo ás 21:00h.

Estes premios, promovidos polo Concello, teñen como obxectivo recoñecer e visibilizar o talento local en diferentes ámbitos —cultura, empresa, compromiso social, deporte e memoria histórica— ao tempo que se rende homenaxe á figura do gran arquitecto porriñés Antonio Palacios, símbolo do orgullo e da identidade do municipio.

Así, o goberno local vén de revelar o último dos galardóns, concretamente o Premio ao Deporte que será concedido ao adestrador porriñés Claudio Giráldez González, actual técnico do RC Celta de Vigo, que esta tempada conseguir a clasificación para a UEFA Europa League.

O Concello quere recoñecer así “unha traxectoria marcada polo traballo constante, a vocación formativa e a excelencia profesional no mundo do fútbol“. “Claudio Giráldez, que deu os seus primeiros pasos deportivos no Porriño, é hoxe unha figura de referencia no deporte galego, destacando tanto polo seu liderado no terreo de xogo como polo seu compromiso co crecemento dos máis novos” sinalaba o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo.

Así, este premio súmase aos xa revelados: o Premio á Cultura ao Festival de Cans, “pola súa labor única na promoción do cinema galega e a dinamización do rural con creatividade e participación veciñal”; o Premio ao Compromiso Social ao Círculo Recreativo Cultural CRC, “por ser un espazo histórico de encontro e fomento da cohesión social”; o Premio á Empresa ás imprentas Paz e Gráficas Bolfer, “polo seu compromiso coa calidade, innovación e apoio á economía local” e o Premio de Honra a título póstumo a Lola Magno, pioneira fotógrafa que documentou a vida e evolución social do Porriño, deixando un valioso legado cultural.


Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS