viernes, junio 13, 2025
InicioNewsActualidadeO TSXG suspende as autorizacións dun parque eólico en Arbo e dous...

O TSXG suspende as autorizacións dun parque eólico en Arbo e dous en Pontevedra e na Coruña

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) decretou a suspensión, de forma cautelar, das autorizacións de tres parques eólicos, en concreto, o do Sobredo, en Arbo, Monte Xesteiros, na Estrada, e Patiñeiro, en Vimianzo. A sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo conclúe que concorren elementos que acreditan, polo menos indiciariamente, “a presenza de valores ambientais que quedan expostos polas obras a un dano significativo”.

A iso, engade que as obras, no caso dos parques de Monte Xesteiros e Patiñeiro, “pola súa propia natureza e a interacción coa contorna, son susceptibles de causar un grave dano a valores ambientais sensibles que, sendo sinalados previamente por informes rigorosos e imparciais incorporados polo Ministerio de Transición Ecolóxica á DAE, que desaconsella a instalación de novos parques eólicos, e sinalándose ademais a presenza de especies vulnerables ou en perigo de extinción, xeran un conxunto de indicios probatorios”.

Os maxistrados salientan que, obrando co principio de cautela, “ante a simple hipótese de que ese dano poida ser de difícil ou imposible reparación -algo que non é posible demostrar cunha proba plena ata que o dano está producido-”, opten por apreciar “a concorrencia do presuposto fundamental da tutela cautelar, que pode facer ineficaz a sentenza que no seu día se dite, se o dano está irremediablemente causado”. 

Nos autos, a Sala incide en que resultou indiciariamente acreditado que existen elementos sensibles do ecosistema que se van ver afectados de forma relevante (afección a especies de flora ou fauna que están especialmente protexidas por estar en estado de ameaza ou perigo de extinción). Ademais, indica que “a ponderación favorable de intereses económicos como prevalecente é extremadamente excepcional, só admisible cando compromete de forma esencial a economía da nación ou produce un dano particularmente intenso”.

Así, sinala que o Tribunal Constitucional “establece no xuízo de ponderación en sede cautelar a preeminencia da protección ambiental como preferente sobre outros intereses aducidos, que, aínda que lexítimos, non resultarían irremediablemente afectados, como si sucedería cos valores ambientais que se tratan de salvagardar”.

O TSXG, ademais, destaca que confirma a medida cautelar adoptada respecto ao parque eólico do Sobredo a “falta de claridade (ausencia de especificidade) respecto ás medidas a adoptar para paliar os efectos acumulativos/sinérxicos da instalación combinada coa presenza doutros proxectos na mesma área”, así como “a tamén pouca especificidade na descrición, sobre o terreo, das zonas sobre as que se fan os traballos de campo para os efectos oportunos, atendendo á considerable presión eólica que haberá de traer consigo a instalación non só do propio parque do Sobredo, senón doutros proxectados ou autorizados na área de referencia”. 

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS