Martes, Febreiro 3, 2026
HomeNewsA Xustiza paraliza cautelarmente a resolución da Xunta que reactiva a caza...

A Xustiza paraliza cautelarmente a resolución da Xunta que reactiva a caza do lobo

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) suspendeu de forma cautelar a resolución da Xunta de Galicia que reactiva a caza do lobo na tempada 2024/2025. A Sala adopta esta decisión ao entender que a medida do Goberno galego “podería afectar á viabilidade das poboacións”.

O alto tribunal galego, que aplicou o principio de precaución ambiental, accedeu á medida cautelar solicitada por WWF-ADENA , organización que presentou un recurso contencioso-administrativo contra a resolución da Xunta do pasado 3 de abril que permite autorizar a caza de lobos cando existan “danos constatados desta especie”.

Xestión do lobo en Galicia

No auto, o TSXG explica que as medidas de xestión do lobo da resolución buscan “previr e paliar” os danos á gandería. Con todo, recalca que “non se ofrece información nin cualitativa nin cuantitativa” sobre estes danos e que, aínda que “non son reversibles, si son indemnizables”.

Polo tanto, ao ponderar entre a protección da viabilidade das poboacións de lobo e eses danos na gandería, o tribunal aplicou o principio de precaución ambiental e accedeu a paralizar de maneira cautelar a resolución.

Para “coñecer o estado de conservación” das poboacións de lobo ao norte do Douro, a Sala remite a un informe da Comisión Europea publicado en 2024, que “representa un retroceso na poboación total”. Tamén acode aos datos do censo do lobo ibérico en Galicia 2021-2022 elaborado pola Xunta, no que se observa que “o incremento, limitado, de mandas prodúcese na maioría das áreas compartidas”, con Castela e León, Asturias ou Portugal. Os restantes incrementos, salvo na área de Lugo, con tres mandas, non son “significativos”, engade.

Á espera da resolución final

Os maxistrados advirten que o incidente cautelar “non pode anticipar o sentido da resolución final do litixio no que atende ao fondo do debate”. Tamén lembran que, conforme a xurisprudencia do Tribunal de Xustiza da Unión Europea, “o principio de precaución se impón tanto na área concernida pola resolución como na avaliación extensa, que integra a áreas limítrofes, pero tendo que ser favorable o estado das poboacións en ambos escenarios e non só nun deles”. E engaden que, polo momento, existen “indicios consistentes” de que hai unha “cualificación desfavorable respecto do estado das poboacións”.

En calquera caso, inidican nun comunicado que “a resolución que paraliza o TSXG só se aplica á tempada de caza 2024/2025, que remata o 31 de xullo“.

A Xunta insiste en que os datos son “verdadeiros”

Dende a Xunta, a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, dixo que estudarán o auto do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia pero insistiu en que os datos que presentou a Xunta son “verdadeiros“.

“Acabamos de coñecelo, imos estudalo e haberá que concretar”, sinalou este mércores en declaracións a xornalistas , nas que recordou que a rebaixa da protección do lobo foi apoiada tanto pola Unión Europea como polo Congreso dos Deputados.

Vázquez insistiu en que hai uns datos “que están rexistrados” , cunha media diaria de dez mortes de gando que “está comprometendo a viabilidade de varias explotacións” e de patrimonio cultural como os potros de A Capelada. E engadiu que “en ningún caso se compromete a viabilidade da poboación de lobo” , que se incrementou ata as 93 mandas, un número “superior ao de Portugal e ao de Francia”.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS