Tui está presente na exposición exposición Viquingos. Unha ollada desde Galicia realizada polo Museo do Mar, en colaboración coa Fundación Cidade da Cultura. O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, asistiu onte á tarde á inauguración nun acto participaron o conselleiro de Cultura Lingua e Xuventude, Xosé Lopez, e a titular de Cultura da Junta de Andalucía, Patricia del Pozo que cede diversas pezas esta mostra.
Viquingos. Unha ollada desde Galicia da continuidade á exposición celebrada no pasado ano no Gaiás. O Concello de Tui colabora nesta exposición coa cesión dunha maqueta da catedral tudense, obra de José Martínez Clotet, que ilustra un dos capítulos más coñecidos da presenza dos viquingos na nosa terra como foi o ataque dirixido por Olaf Haraldsson, posteriormente rei de Noruega e declarado santo por cristianizar o seu reino. Nesta razzia, nas primeiras décadas do século XI foi asolada a cidade, destruída a catedral e secuestrado o bispo Afonso facéndose os invasores cun importante botín.
Viquingos. Unha ollada desde Galicia retrata a forma de vivir no territorio na altura en que chegaron as invasións dos pobos nórdicos e os costumes da sociedade viquinga —cunha idiosincrasia que vai moito máis alá da imaxe violenta que habita no imaxinario colectivo—, pero tamén debulla o contexto histórico da contorna peninsular.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, salienta que nesta actividade expositiva «podemos comprobar, nunha nova oportunidade, o protagonismo da cidade de Tui na historia de Galicia, testemuñado no amplo patrimonio cultural que atesoura á cidade miñota». Neste sentido dende o Concello de Tui comezaron os pasos para «a incorporación do municipio á Destination Viking Association a entidade encargada da xestión da “Ruta viquinga”, itinerario cultural europeo do Consello de Europa que agrupa a institucións, museos entidades académicas, empresas e organizacións sen ánimo de lucro que promoven, investigan e difunden o patrimonio vinculado ao mundo viquingo e traballan na oferta de produtos turísticos de calidade». A asociación abrangue todos os países que os viquingos de Escandinavia visitaron durante a chamada época viquinga.