O Rallye de Ourense 2025, cuxo parque pechado estará emprazado na contorna do Parque de San Lázaro, ocasionará cortes, modificacións e restricións de tráfico en varias rúas do centro da cidade o xoves, 12 de xuño, de 17.00 a 23.59 horas e o venres, 13, desde as 18.00 horas até o sábado, 14, ás 23.00 h. Ademais, tamén afectará aos percorridos de varias liñas do servizo de autobuses urbanos, segundo vén de informar o Concello de Ourense nun comunicado.
Cortes de tráfico en Ourense
• Avenida da Habana, desde a rúa Manuel Pereira até Curros Enríquez.
Anularase o carril esquerdo (terceiro no sentido da marcha), que será para facilitar a entrada dos vehículos do rallye ao parque pechado. Os dous carrís restantes quedarán abertos ao tráfico: o central para continuar pola Avenida da Habana e o dereito para virar cara a Curros Enríquez.
• Avenida da Habana, desde Xoán XXIII até Curros Enríquez.
Terá dobre sentido de circulación. Os vehículos que desexen continuar pola Avenida da Habana ou Xoán XXIII irán polo carril máis próximo á beirarrúa dereita, agás os autobuses e os vehículos de categorías M, N e O. Estes deberán deben continuar pola Habana en sentido descendente, e habilitarase unha parada provisional fronte ao supermercado Froiz.
O carril restante, en sentido ascendente, estará reservado para o tráfico procedente da parte traseira da Subdelegación do Goberno, que accederá desde alí á intersección con Curros Enríquez.
Os vehículos procedentes de Xoán XXIII poderán virar cara á esquerda para acceder á Avenida da Habana en sentido descendente, realizando un ceda o paso aos vehículos que xa se atopen nesa vía e respectándolles o seu xiro á esquerda.
• Rúa Curros Enríquez, desde a Avenida da Habana até a Rúa Xocas.
Estará pechada á circulación xeral de vehículos. Permitirase a entrada e saída do vao existente.
• Rúa Curros Enríquez, desde a Avenida da Habana até a Rúa Samuel Eiján.
No punto máis próximo á intersección coa Habana anularase o carril esquerdo, coa finalidade de permitir que os autobuses poidan realizar o xiro cara ao carril dereito da avenida sen invadir o sentido contrario. Esta medida busca evitar interferencias entre o transporte público e os desvíos establecidos para o resto do tráfico rodado.
• Rúa Xoán XXIII, entre a rúa Concello e a Avenida da Habana
O tráfico procedente de Xoán XXIII en dirección ao Parque de San Lázaro, desviarase por Xoán XXIII (parte traseira da Subdelegación do Goberno) e o tráfico de Rúa Concello deben virar á dereita en dirección centro cidade.
Modificacións nos autobuses urbanos
O Rallye de Ourense 2025 tamén afectará aos percorridos de varias liñas do servizo de autobuses urbanos, os mesmos días e ás mesmas horas, tal e como explica a adminsitración local da cidade das burgas.
- Os vehículos en sentido a Curros Enríquez circularán por detrás da Subdelegación de Goberno. A parada do Parque San Lázaro estará anulada, e haberá outra provisional no carril por detrás da Subdelegación de Goberno.
- Os vehículos en sentido ao Xardín do Posío, dende Curros Enríquez circularán pola Avenida da Habana e a rúa do Progreso. A parada de Xoán XXIII quedará anulada pasando a facerse unha parada provisional diante do supermercado Froiz, na Avenida da Habana.
- A liña número 5 “Reza – Ceboliño” fará o percorrido en dirección a Ceboliño dende a rúa Concello por Curros Enriquez, Celso Emilio Ferreiro e a Avenida de Bos Aires.
- A liña número 19 “Praza Maior -Termas de Outariz”, o sábado 14, dende a rúa Concello fará o percorrido de ida e volta pola rúa do Progreso ata a Praza Maior.
