A nova directiva da Escudería Rías Baixas decidiu introducir pequenos cambios para refrescar a imaxe do 58º Rallye Recalvi Rías Baixas. Estas novidades, segundo indican desde a organización, «farán que a cidade de Vigo recupere gran parte do protagonismo na proba puntuable para o Supercampeonato de España de Rallyes, que se disputará do 3 ao 5 de xullo«. Así, a organización, da man do Concello de Vigo, volve recuperar o seu coñecido tramo do Castro catro anos despois. Ademais, indican que haberá «máis sorpresas».
Tramo do Castro no Rally Recalvi Rías Baixas
O tramo urbano do Castro, de case 2,5 quilómetros de lonxitude, modifica lixeiramente o seu percorrido respecto a pasadas edicións. Nesta ocasión, os vehículos tomarán a saída aproximadamente á metade da rúa Marqués de Alcedo en sentido baixada, para abordar a rotonda do monumento do Bicentenario e a parte da Avenida Camelias fronte ao Concello, antes de empezar a ascender polo Paseo Cronista Xosé Manuel Álvarez Blázquez co que se retoma o percorrido xa coñecido de pasadas edicións do rallye, incluíndo o parking de terra e a chegada na Rúa Atalaia.
Desde a organización, auguran que «o tramo do Castro será, sen lugar a dúbidas, o protagonista na etapa do sábado» e explican que «formará parte da retransmisión da proba en streaming polos distintos canles que promove a RFEdeA así como por Televisión de Galicia». Os participantes percorrerán esta especial en dúas ocasións, sendo a segunda pasada o último tramo cronometrado do 58º Rallye Recalvi Rías Baixas.
Celebración final
Dende aquí os vehículos baixarán ata o coñecido como “celebradero”; emprazamento onde os gañadores da proba celebrarán a súa vitoria, ademais de ser entrevistados para a retransmisión en directo. Nesta ocasión, terá lugar no Paseo de Alfonso XII, xunto ao emblemático oliveira vigués e coas espectaculares vistas de fondo da ría de Vigo e as Illas Cíes. Dende alí, e como xa é habitual, todos os participantes que logren completar a proba dirixiranse á Porta do Sol para, como en anos anteriores, aparcar os seus vehículos na Rúa Policarpo Sanz e participar na cerimonia oficial de entrega de premios.
Un día antes, na matinal do venres 4 de xullo, pilotos e máquinas que participarán nesta edición do «Rías» terán unha primeira toma de contacto co asfalto da proba no shakedown e tramo de clasificación. O trazado de posta a punto de vehículos, e que determinará tamén a orde de saída no 58º Rallye Recalvi Rías Baixas, será a subida ao Campus Universitario de Vigo (CUVI) dende o pavillón da parroquia de Bembrive.