viernes, junio 6, 2025
InicioNewsActualidadeSalceda e Salvaterra ofrecen 240 prazas gratuítas en campamentos de verán

Salceda e Salvaterra ofrecen 240 prazas gratuítas en campamentos de verán

Os Concellos de Salceda de Caselas e Salvaterra de Miño veñen de recibir unha subvención de 17.820,20€ da Xunta de Galicia a través do Plan Corresponsables, que lles vai permitir ofrecer 240 prazas gratuítas entre ámbolos dous Concellos repartidas nos meses de xullo e agosto.

Deste xeito, Salceda destinará esas prazas a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos, mentres que no caso de Salvaterra irán destinadas a rapazada de entre 10 e 16 anos. Nos dous Concellos daráselle prioridade ás familias en situación de especial vulnerabilidade con menores a cargo.

Con esta iniciativa, ademais de ofrecer un importante servizo de conciliación, favorécese o desenvolvemento da cativada participante a través da coeducación en igualdade, con experiencias que ofrezan aprendizaxe, socialización e respecto, eliminando os roles de xénero preestablecidos. As diferentes quendas basearanse en diferentes aspectos: multideporte e vida activa, coñecemento da contorna, aprendizaxes no verán e semanas da ciencia, repartíndose ao longo das mañás dos meses de xullo e agosto.

As alcaldesas de Salceda e Salvaterra, Loli Castiñeira e Marta Valcárcel, destacaron que con estes campamentos gratuítos «non só se favorece a conciliación familiar, senón que é un xeito importante de promover a corresponsabilidade e fomentar os hábitos saudables na rapazada, ademais de fomentar a empregabilidade nas mulleres paradas de longa duración precisamente favorecendo esa conciliación».

Selene González e Lorena Soto, Concelleiras de igualdade en Salceda e Salvaterra, respectivamente, amosaron «a súa satisfacción por ter conseguido esta importante subvención que por segundo ano beneficia aos dous Concellos de xeito conxunto, destacando o traballo en equipo entre ámbolos dous municipios nun exemplo de colaboración que non entende de cores políticas e que se centra unicamente na mellora da calidade de vida da veciñanza».

Pero as iniciativas conxuntas non rematan cos campamentos, senón que tamén por segundo ano consecutivo se vai poñer en marcha a denominada “Escola de familias”, con dez sesións repartidas nos dous Concellos, e que tratarán temas tan importantes como o uso responsable das tecnoloxías, a adolescencia como etapa vital, a autoestima e os trastornos alimentarios, o acoso escolar ou a educación sexual entre outros. Ademais porán en valor técnicas como a risoterapia como elemento clave na regulación emocional ou o mindfulness para traballar a igualdade de xénero.

As persoas interesadas nestes programas poden dirixirse xa aos Concellos de Salvaterra e Salceda para informarse e reservar as súas prazas a través do Rexistro.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS