jueves, junio 5, 2025
InicioNewsActualidadeCampamentos tecnolóxicos e de aventuras para facilitar a conciliación este verán en...

Campamentos tecnolóxicos e de aventuras para facilitar a conciliación este verán en Tui

O Concello de Tui oferta dous novos campamentos de verán, un tecnolóxico e outro de aventuras, que se suman ao Igual É +, brindando así novas alternativas de lecer para a época estival e facilitando a conciliación no período de vacacións escolares.

O prazo de inscrición para ambos será dende este martes, 3 de xuño, até o luns 9 de xuño ben a través do Rexistro de Entrada na casa do concello ou da sede electrónica municipal.

O Campamento “Verán Aventuras 2025” vai dirixido a nenos e nenas e mozos e mozas de 3 a 12 anos de idade. Desenvolverase en catro quendas, do 1 ata o 15 de xullo; do 16 ata o 31 de xullo (25 de xullo festivo); do 1 ata o 14 de agosto; e do día 18 ata o 29 de agosto en horario de 9 a 14 h. Celebrarase nas instalacións da situada na rúa Antero Rubín, na Alameda de San Domingos e noutros espazos naturais do municipio. Ofértanse 25 prazas por quenda. Haberá horario concilia de 8 a 9 h e de 14 a 15 h, para o que se dispoñen de 15 prazas. O prezo será de 30,56€.

Por outra parte o Campamento Tecnolóxico vai dirixido a nenos e nenas, mozos e mozas de 7 a 14 anos. Haberá catro quendas semanais no mes de xullo: do 1 ao 07 de xullo; do 08 ao 14 de xullo; do 15 ao 21 de xullo e do 22 ao 29 de xullo en horario de 9 a 13 h. Ofértanse 15 prazas por quenda. O prezo da quenda será 15,28€. Desenvolverase no edificio Francisco Sánchez. Entre as actividades a realizar inclúe programación de videoxogos e apps, deseño e impresión 3D, electrónica dixital, intelixencia artificial, animación, ciberseguridade, música dixital, prototipado rápido e Design Thinking.

Na páxina web municipal tui.gal pódense consultar as bases concretas de cada campamento, a documentación a presentar e descargar o modelo de solicitude. Esta información pode recollerse tamén presencialmente no departamento de Secretaría do Concello de Tui e no Centro Municipal de Formación e Emprego, de luns a venres, en horario de 9 a 14 h.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS