Tui celebra o “Día do Mercado” cunha xornada gastronómica, musical e festiva no renovado mercado de San Antonio. A cita será este sábado, 31 de maio, tal e como indican desde o Concello que dirixe o socialista Enrique Cabaleiro.
Deste xeito o Mercado Municipal únese á celebración do Día do Mercado 2025, unha iniciativa impulsada pola Dirección Xeral de Comercio da Xunta de Galicia «para poñer en valor o comercio de proximidade, os produtos de calidade e a vitalidade dos mercados locais», explican desde a administración local.
O Concello de Tui busca reafirmar «a súa aposta polos produtos frescos e polo mercado como espazo clave da vida social e económica da cidade, especialmente tras o proceso de renovación acometido para converter este espazo nun lugar de dinamismo social e referente de produtos de calidade e de proximidade».
Programación do Día do Mercado 2025 en Tui
Ao longo de todo o día, o Mercado Municipal acollerá unha programación pensada para todos os públicos, na que a gastronomía, a música e a promoción do produto local serán protagonistas.
A actividade comezará ás 9:30 horas co reparto de material promocional da campaña “Quere o teu mercado”. Ás 12:00 horas haberá unha degustación gastronómica con elaboracións feitas con produtos frescos do propio mercado a cargo de Andrés Sancha Gómez e Ana Digón Elsden de “Cocina regenerativa”.
Pescadiño frito, bocadiño de luras e vermut galego
Máis tarde, a partir das 13:00 horas comezará unha sesión vermú con DJ e especial coctelería. Ao longo de todo o día estará dispoñible un menú especial degustación “Día do Mercado” na zona gastronómica no que se poderá degustar Pescadiño frito da lonxa, acompañado de alioli de lima e limón; Bocadiño de luras con salsa sweet chili; e Vermut galego de godello “A Fabulosa”. Ademais, o Espazo Gastronómico realizará unha sesión especial de cócteles na que ofertará gintonic, vermúxito, caipirinha e mojito.
- 09: 30 horas. Inicio da xornada e reparto de produtos promocionais da campaña Quere o teu Mercado.
- 12.00 horas. Degustación gastronómica con elaboracións feitas con produtos frescos do propio mercado.
- 13.00 horas. Sesión vermú con DJ e especial coctelería.
Durante todo o día: Menú especial “Día do Mercado” na zona gastronómica, composto por: Pescadiño frito da lonxa, acompañado de alioli de lima e limón; Bocadiño de luras con salsa sweet chili; e Vermut galego de godello “A Fabulosa” e sesión especial de cócteles no Espazo Gastronómico na que ofertará gintonic, vermúxito, caipirinha e mojito.