«Día histórico en Ponteareas coa firma da cesión do tramo da N-120 dende a capela dos Remedios ata o Instituto de Ensino Secundario do Barral». Así o califican desde o Concello da capital do Condado a través da alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, o tenente de alcaldesa, Juan Carlos González e a concelleira de Urbanismo, Silvia Fdez Táboas, que amosaron a súa satisfacción por “desbloquear unha demanda histórica que dende hai anos afecta á cidadanía de Ponteareas e que fará posible a recuperación da vida na rúa de Abaixo”.
Tal e como explican desde a administración local, «este tramo de 3,9 quilómetros que transcorre polo centro urbano foi durante anos unha barreira para a mellora urbanística da vila e un continuo perigo para o tránsito das persoas, que debían convivir cos coches nun espazo no que o Concello non podía actuar en materia de seguridade viaria».
Cesión do tramo da Rúa de Abaixo, en Ponteareas
O goberno de Ponteareas axilizou ao máximo a transferencia, asumindo a titularidade dun tramo que vai dende a capela dos Remedios ata o restaurante “O Forno de Leña”. Esta vía pasa a formar parte da rede urbana municipal e permitirá a recuperación e revitalización da coñecida como “rúa Real”. “Un punto completamente envellecido ao estar moi limitada a intervención nesas casas. Damos fin a unha parálise que impedía a rehabilitación de moitas vivendas, que xa non terán que agardar prazos eternos por autorizacións do Estado”, sinalou a alcaldesa.
Seguridade viaria e ordenación de tráfico
O tenente de alcaldesa, Juan Carlos González, explica que permitirá a execución de proxectos de seguridade viaria, así como proxectos de mellora de mobilidade e ordenación do tráfico que beneficiarán directamente aos nenos e nenas que estudan no IES Barral, garantindo un entorno máis seguro e accesible”.
Esta cesión supón un «salto cualitativo na planificación urbana local» segundo sinalou a concelleira de Urbanismo, Silvia Fernández, “a nova titularidade permitirá tamén axilizar trámites como a licenza para o novo supermercado Gadis e desenvolver conexións estratéxicas como o enlace co novo centro de saúde, esencial para garantir a accesibilidade aos servizos sociosanitarios da vila”.
Ademais, esta cesión facilitará a tramitación de proxectos de reurbanización, peonalización ou embelecemento da vía sen depender de autorizacións doutras administracións. Favorecerá o impulso ao comercio local, reducirá o tráfico pesado e abrirá a porta á creación de espazos máis habitables e sostibles para a veciñanza.
A alcaldesa Nava Castro salientou que “a N-120 ao seu paso polo centro urbano deixará de ser un obstáculo imposto por outra administración e integrarase plenamente na estratexia urbana municipal, converténdose nunha ferramenta útil para construír unha Ponteareas máis humana, viva e cohesionada”.