A Cañiza ten xa activa a conta atrás para celebrar unha das súas citas máis arraigadas e singulates. Trátase do Curro do Pedroso 2025, organizad apola Asociación Cabalar Pedroso de Ribadil en colaboración co concello, que este ano chega a súa 31 edición. Será o próximo domingo 10 de agosto.
O tradicional izado da bandeira xa tivo lugar o pasado 24 de maio, segundo explican desde o Concello, no monte Pedroso, a 1073 metros de altura. O evento, ademais, contou coa participación do Bruxo Queimán como mestre de cerimonias. O alcalde, Luis Piña, recibiu á comitiva de cabalos así como aos asistentes. Fixo a entrega simbólica da bandeira de Galicia ao presidente da Asociación Cabalar, Pablo Álvarez, quen «unano máis asume a responsabilidade de protexer a tradición», tal e como indicou. Tamén entregou a bandeira da Cañiza a Samuel Fidalgo.
Nesa xoranda inaugural, realizouse tamén a entrega do «Ferro«, unha ferramenta que está vinculadao ao Curro desde as súas orixes que «representa a identidade e a propiedade dos animais». O Ferro foi entregado por José López ao seu fillo Javier López. Contiuando co programa da pasada edición, o Presidente da Asociación cabalar e o alcalde realizaron unha ofrenda floral ao Cristo da Cañiza, no Cruceiro do Cacharado. O acto inaugural culminou nos Montes do Pedroso co izado das bandeiras e unha comida campestre.
«Xornada enxebre»
O Curro do Pedroso, que se celebra o 10 de agosto, é un evento no que cañicenses e visitantes poderán gozar da baixada dos animais dende as montañas ata o curro para o seu saneamento e colocación de microchips. É unha xornada «enxebre» na que non faltará a boa gastronomía, música tradicional e moitas sorpresas. Un día inesquecible de romaría e festa, e «un espectáculo de colorido e bravura propio da nosa rexión».
O alcalde Luis Piña felicitou a toda a directiva, aos veciños e veciñas e colaboradores que, xuntos, volverán recuperar esta festa tradicional que se concibiu no ano 1994 para sanear e identificar aos animais. Segundo as súas palabras, é «unha xornada no que se funde o enxebrismo do mundo animal e a natureza, converténdose nun día de Romaría para todos».
A intensa xornada do 10 de agosto comeza xa ás 7 da mañá coa subida ao Curro, coordinación dos equipos e saída á busca dos rabaños, para dar comezo a unha festa que se prolongará ata a noite.