jueves, mayo 29, 2025
InicioNewsActualidadeO Rallye Recalvi Rías Baixas abre as inscricións e confirma que haberá...

O Rallye Recalvi Rías Baixas abre as inscricións e confirma que haberá «dúas grandes novidades»

A Escudería Rías Baixas abriu xa o período de inscrición para a 58ª edición do Rallye Recalvi Rías Baixas. A icónica proba, que se celebrará os días 3, 4 e 5 de xullo, volve formar parte do Supercampeonato de España de Rallyes (S-CER) e será a cuarta cita deste calendario, «consolidándose como a segunda en Galicia tras a disputa do Rallye de Ourense», tal e como indican desde a organización.

A máis de 30 días vista da celebración da carreira, as previsións de participación por parte do comité organizador son «máis que optimistas», na liña do visto na edición de 2024. E é que, por segundo ano consecutivo dende a súa volta ao S-CER, o 58º Rallye Recalvi Rías Baixas volverá contar coa presenza de todas as copas promocionais e monomarcas que puntúan no certame.

As copas promocionais que regresan aos tramos:

Así, polos tramos do Rías 2025 volverán pasar:

  • Os Renault Clio Rally5 tanto da Clio Trophy Spain Asfalto como da Superclio Trophy Spain (copa aberta a pilotos de ata 28 anos e que mestura probas de asfalto e terra).
  • Os modestos Dacia da Sandero Eco Cup Spain, «verdadeiro primeiro paso nos rallyes nacionais para os mozos valores deste deporte».
  • Peugeot, a marca máis veterana dentro das copas nacionais de rallyes, repetirá coa Peugeot Rallye Cup Ibérica e o Desafío Peugeot. Das copas promovidas pola marca do león «saíron un gran número de pilotos que forman parte do palmarés dos distintos campionatos tanto nacionais como internacionais».
  • Na súa segunda ano de vida, a Copa Hyundai i20N Rallye volverá estar presente no Rallye Recalvi Rías Baixas.
  • A GR Yaris Cup, actualmente o trofeo máis prestacional, ao disputarse cos coñecidos Toyota Yaris de tracción total e 280 CV de potencia.

Voluntariado

A Escudería que preside Damián Giráldez «traballa en pechar dúas importantes novidades que a bo seguro, gustarán e moito aos apaixonados do motor». Para iso, necesita da colaboración de voluntarios, «xente disposta a botar unha man durante o transcurso da proba e contribuír a que o Rallye Recalvi Rías Baixas siga sendo un referente a nivel nacional». Os interesados en formar parte da «familia do Rías» e formarse como comisarios de ruta deben poñerse en contacto coa Escudería a través da páxina web da proba.

Inscricións no Rallye Rías Baixas 2025

As persoas que desexen participar poden realizar a súa inscrición ata o 26 de xuño ás 14:00 horas.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS