jueves, mayo 22, 2025
InicioNewsActualidadePonteareas consegue récord de inscricións na edición da Sestelo Clásica Álvaro Pino...

Ponteareas consegue récord de inscricións na edición da Sestelo Clásica Álvaro Pino 2025

A Sestelo Clásica Álvaro Pino 2025 de Ponteareas alcanza un novo fito na súa quinta edición: as 500 inscricións dispoñibles esgotáronse por completo, batendo o récord de participación desde a creación da marcha. «Este éxito consolida ao evento como unha das citas imprescindibles para os afeccionados ao cicloturismo en Galicia e no noroeste peninsular», segundo indican desde o Concello.

Cando é a Clásica Álvaro Pino?

A marcha celebrarase este domingo 25 de maio nas comarcas do Condado Paradanta, con saída e chegada en Ponteareas, e volverá reunir a grandes nomes do ciclismo como Álvaro Pino, Chechu Rubiera, Lale Cubino e Isidro Araújo, homenaxeado desta edición, quen acompañará aos participantes ao longo do percorrido.

Novos percorridos e camisola exclusiva

Segundo explica o Concello nun comuncado, esta edición incorpora importantes novidades:

Dous percorridos renovados: un curto de 75 km cun porto de montaña, e un longo de 129 km con ata catro portos. Ambos incluirán un tramo cronometrado común: A Franqueira desde A Hermida.

Nova camisola exclusiva, da marca Gobik, inspirado no equipo profesional Colchóns CR, onde Álvaro Pino comezou a súa carreira. O deseño moderno en vermello e azul mellora ademais en calidade respecto a edicións anteriores.

Tres avituallamentos, dous deles completamente novos: nas adegas Eidosela (Arbo), na Cañiza, e nos xardíns do Gran Hotel de Mondariz Balneario, con propostas pensadas para gozar da contorna e recuperar forzas.

Feira do Corredor 2025 en Ponteareas

O sábado 24 de maio, véspera da marcha, celebrarase a xa tradicional Feira do Corredor na Praza de Bugallal de Ponteareas. Haberá unha xincana infantil organizada polo Club Ciclista Ponteareas e unha charla aberta cos ciclistas invitados.

Este 2025, «a Sestelo Clásica Álvaro Pino non só bate récords, senón que reforza o seu papel como unha cita deportiva de referencia, co firme respaldo de institucións públicas e patrocinadores, e a paixón de centos de ciclistas que volveron a responder con entusiasmo», explican desde o Concello.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS