O Concello de Baiona, xunto coa asociación de Clubs Deportivos de Baiona, vén de presentar o programa deportivo no que se inclúen os campus deportivos ‘Caixabank’, que teñen por finalidade fomentar a práctica deportiva en xeral.
A oferta deportiva está deseñada entre todos os clubs deportivos locais, e aos xa tradicionais, nesta edición do 2025 súmanse algúns novos como o Campus de Balonmán, o Campus de Judo e o Campus de Alimentación e Nutrición.
Así, un total de 23 campus serán os que se poderán realizar este verán e estarán repartidos entre as 11 semanas das vacacións escolares co fin de poder conciliar as vacacións dos escolares co traballo familiar.
As actividades estarán distribuídas da seguinte maneira:
Durante o mes de xuño, terán lugar os campus de tenis, ciclismo de montaña I e alimentación e nutrición.
No mes de xullo estarán dispoñibles os campus de loita olímpica, deportes náuticos I, ciclismo de montaña II, tenis de mesa, hóckey herba, fútbol sala, fútbol, vóley praia e multideporte.
O mes de agosto será a quenda dos campus de atletismo, danza, balonmán, baloncesto, pádel, patín, bádminton, judo e deportes náuticos II.
Por último, no mes de setembro terán lugar os campus de xadrez e multideporte en praia.
Os vintetres campus terán unha semana de duración cada un, en horario de 10:00h a 14:00h con opción de recepcionar aos alumnos dende as 9:00h co fin de facilitar a conciliación familiar. Como excepción, o campus náutico realizarase en xornada de tarde cun horario especial.
Os campus terán un prezo de 200€ por cinco campus, ou 300€ por todos os campus de xullo e agosto. A maiores, hai opción de inscribirse en tan só un deles. Ademais, en todos os campus deportivos os asistentes recibirán un equipamento deportivo así como unha merenda a media mañá.
As datas dos distintos campus programados son:
- Tenis – 23 ao 27 xuño.
- Ciclismo de Montaña I – 23 ao 27 xuño.
- Campus de Alimentación e nutrición – 30 de xuño ao 4 de xullo.
- Loita Olímpica – 30 de xuño ao 4 de xullo.
- Ciclismo de Montaña II – 30 de xuño ao 4 de xullo.
- Deportes Náuticos 1 – 2 ao 5 xullo.
- Tenis de mesa – 7 ao 11 xullo.
- Hóckey Herba – 7 ao 11 xullo.
- Futbol salga – 14 ao 18 xullo.
- Futbol – 21 ao 25 xullo.
- Vóley praia – 21 ao 25 xullo.
- Multideporte – 28 xullo ao 1 agosto.
- Atletismo – 28 xullo ao 1 agosto.
- Danza – 4 ao 8 agosto.
- Balonmán – 4 ao 8 agosto.
- Baloncesto – 11 ao 15 agosto.
- Pádel – 18 ao 22 agosto.
- Patín – 18 ao 22 agosto.
- Bádminton – 25 ao 30 agosto.
- Judo – 25 ao 29 agosto.
- Deportes náuticos 2 – 26 ao 30 agosto.
- Multideporte en praia – 1 ao 5 setembro.
- Xadrez – 1 ao 5 setembro.
O prazo de inscrición abrirá o vindeiro 1 de xuño e para formular as matrículas os interesados deberán acceder á web oficial dos Campus. Para solicitar máis información, no Pavillón Municipal de Baiona en horario de 9.00h a 14.00h ou de 17.00h a 21.00h, a través do teléfono 986 356 558 ou a través do e-mail deportes@baiona.gal.