miércoles, mayo 21, 2025
InicioNewsActualidadeComezan as obras para frear os efectos da escorrentía da A-52 no...

Comezan as obras para frear os efectos da escorrentía da A-52 no Porriño

Xa están en marcha as obras de renovación das redes de saneamento, abastecemento e pluviais no lugar da Gulpilleira, unha actuación urxente impulsada polo Concello do Porriño para dar resposta aos graves danos provocados pola escorrentía de augas procedente da autovía A-52.

A concentración de caudais no punto de vertedura da infraestrutura estatal leva anos afectando ao firme e ás propiedades colindantes, con episodios de afundimentos, deterioro da calzada e desprazamento de muros. A situación viuse agravada nos últimos meses polas intensas chuvias.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, destacou que se trata dunha obra “absolutamente necesaria e que non podía esperar máis”. Asegura que a decisión de actuar con fondos propios responde á vontade do goberno local de priorizar a seguridade da veciñanza, ante unha problemática que, segundo lembra, “ten a súa orixe nunha infraestrutura estatal construída sen prever os efectos no entorno”.

O proxecto, que afecta a viais municipais como a rúa Gulpilleira, Antonio Palacios e Fernández Areal, inclúe a execución de novas redes de pluviais con colectores de gran capacidade, sumidoiros, reposición da rede de saneamento fecal, renovación do abastecemento e canalizacións para iluminación pública e telecomunicacións. Así mesmo, prevese a reposición do firme en toda a zona afectada, con materiais adaptados a cada tipo de vía e tramo.

O concelleiro de Vías e Obras, Ramón Porto, explicou que esta intervención “é a resposta a un problema que leva décadas sen solución e que agora, por responsabilidade institucional, asumimos desde o Concello”. Recalcou tamén que, aínda que a orixe do problema está na A-52, a administración local non pode permitirse seguir esperando pola reacción doutras institucións.

O investimento total, que supera os 340.000 euros, está financiado con remanente de tesourería mediante un crédito extraordinario aprobado polo Pleno municipal. As obras, xa declaradas de emerxencia, contan cun prazo estimado de execución de seis meses.

Desde o Concello lembran que se segue traballando para pechar un acordo co Ministerio de Transportes que permita compartir os custes dunha intervención que, pola súa natureza, debería contar co apoio da administración titular da autovía. Mentres ese acordo non chega, o goberno local insiste en que “non se pode seguir poñendo en risco a seguridade cidadá por cuestións competenciais”.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS