O Goberno galego vén de aprobar no Consello da Xunta o proxecto de trazado para construír unha senda na estrada PO-400 entre O Castro e As Neves, «unha actuación que permitirá mellorar a seguridade viaria e a mobilidade peonil nun tramo especialmente transitado», segundo indican desde a adminsitración local.
O Executivo autonómico prevé realizar no terceiro trimestre deste ano a convocatoria dos actos de levantamento de actas previas e de ocupación das obras. Ademáis, prevese aprobar o proxecto de construción e licitar os traballos no primeiro trimestre de 2026 para, a continuación, iniciar a execución.
O novo itinerario peonil, que contará cunha lonxitude de case un quilómetro, desenvolverase entre os puntos quilométricos 8+770 e 9+950 da PO-400, e conectará o núcleo urbano das Neves co núcleo do Castro, dando continuidade á beirarrúa xa existente e facilitando tamén o acceso ás paradas de transporte público da zona.
A senda combinará tramos paralelos á estrada actual co aproveitamento dun treito do antigo trazado da PO-400, integrándose no proxecto xa previsto de mellora da intersección que da acceso a Setados.
O alcalde de As Neves, José Manuel Alfonso, detallou que “dende o Concello valoramos positivamente este paso adiante, que responde a unha demanda histórica dos nosos veciños e veciñas. Esta intervención permitirá unha mobilidade máis segura e sustentable dos peóns e contribuirá a facer do noso municipio un espazo máis accesible, cómodo e sustentable. Seguiremos traballando para que proxectos coma este se fagan realidade e ofrecer melloras á nosa veciñanza”.
Esta actuación está incluída na 2ª fase do Plan de Sendas de Galicia, que contempla a execución de máis de 120 km de itinerarios peonís nas estradas autonómicas ata o ano 2027, cun orzamento global de 69,7 millóns de euros.