O Consello da Xunta acordou hoxe solicitar formalmente un informe á Comisión Galega da Competencia, adscrita ao Instituto Galego do Consumo e da Competencia, para analizar se a política da empresa Renfe Viaxeiros de limitar a venda anticipada de billetes ferroviarios en Galicia podería constituír un abuso de dominio derivado da súa posición de monopolio. O obxectivo é avaliar as medidas necesarias para protexer os dereitos das persoas usuarias e garantir o cumprimento dos principios de igualdade, eficiencia e competencia no acceso dos galegos e galegas ao transporte por ferrocarril.
Tal e como se vén reiterando desde o Executivo galego, e segundo as denuncias trasladadas tamén polos propios usuarios, en Galicia a compra anticipada de billetes vese limitada a prazos moi reducidos —entre dous e tres meses—, algo que non se produce noutras comunidades autónomas de España. Esta restrición non só impide aos usuarios e usuarias beneficiarse de descontos ou mellores condicións —podendo planificar con tempo as súas viaxes— senón que tamén impacta negativamente en sectores que operan en mercados conexos —como as que prestan servizos de organización de viaxes—, sen que Renfe teña xustificado as razóns destas condicións especialmente prexudiciais para o territorio galego.
Dereitos dos consumidores e das consumidoras
A Xunta defende «un transporte ferroviario á altura das necesidades de Galicia e pon de manifesto que a posición de monopolio de Renfe non lle exime da obriga de competir para garantir un mercado no que os prezos e a calidade na prestación dos servizos sexan os máis eficientes posibles, xa que como sinala a sentenza do Tribunal de Xustiza da
Unión Europea do 13 de febreiro de 1979 existe un elemento de “responsabilidade especial por parte das empresas dominantes consistente en “non impedir, co seu
comportamento o desenvolvemento dunha competencia efectiva e non falseada no mercado”.
Posibles prácticas abusivas de Renfe en Galicia
Coa medida aprobada hoxe no Consello da Xunta, o Goberno galego busca «velar e protexer os intereses dos usuarios e usuarias do servizo ferroviario en Galicia, solicitando á Comisión Galega da Competencia, no marco das súas funcións neste ámbito, que emita un informe para analizar tres aspectos fundamentais», segundo indican.
Por unha banda, se a restrición á venda anticipada de billetes de transporte ferroviario por parte de Renfe Viaxeiros aos usuarios galegos pode constituír un abuso de posición de dominio, dado o seu monopolio no transporte de pasaxeiros por ferrocarril en Galicia e, pola outra, se dita conduta pode cualificarse de abusiva ao abeiro do artigo 2 da Lei de Defensa da Competencia, ao carecer de xustificación económica obxectiva e representar un comportamento que a empresa non adoptaría nun contexto de competencia efectiva.
En terceiro lugar, no informe solicitado tamén se analizarán as posibles medidas a adoptar por parte da Comisión Galega da Competencia á vista das conclusións extraídas, co obxectivo de garantir os dereitos dos consumidores galegos e restaurar as condicións de competencia no mercado.
O Goberno galego insiste na necesidade de que Galicia «conte cun servizo ferroviario moderno, áxil e eficiente, acorde coas necesidades da súa cidadanía e coas mesmas garantías que no resto do Estado».