O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, acompañado dos colleiteiros e colleiteiras do concello, presentaron nesta xornada o I Encontro do viño colleiteiro de Soutomaior, unha cita que se desenvolverá o día 31 de maio e o 1 de xuño no Campo da Festa de San Benito de Romariz.
Segundo indican desde a administración local que lidera o nacionalista Manu Lourenzo, o principal obxectivo deste encontro é, da man dos colleiteiros e das colleiteiras de Soutomaior, «poñer no lugar que se merece unha tradición como é a tradición de colleiteiros e viticultura de Soutomaior«.
Neste contexto, o alcalde indicou que «hoxe facemos un acto de xustiza cunha tradición con mulleres e homes que hai décadas que levan traballando un produto que nos fai único que nos fai únicos e que nos diferenza como é uva albariña de Soutomaior» e que «se hoxe por hoxe seguirmos tendo uva albariña en Soutomaior é porque hai persoas que a traballan que a coidan a miman e a converten en viños dunha altísima calidade».
Programación
Este encontro do viño colleiteiro contará cos dous días de celebración. O sábado, 31 de maio, as casetas abriranse de 12:00 a 22:30h. Haberá espazo gastro-bar en horario de 13:00 a 16:00h e de 20:00 a 22:30h neste espazo haberá polbo, churrasco e ostras e servizo de bar con refrescos.
Ao longo da xornada haberá moitas actividades entre elas a actuación musical do grupo “Algo Pasa con Mary” o sábado ás 13:00h. Xa pola tarde ás 19:00h. terá lugar a mesa coloquio Soutomaior terra de viño, onde Manu Lourenzo dará a benvida institucional e contará coa participación de Elisa Martínez Varela, colleiteira de Soutomaior; Dominique Roujou de Boubée, asesor en viticultura e enoloxía desde a empresa Terroir in botella; Colaborador con bodegas de Rías Baixas, Ribeiro, Ribeira Sacra, Priorat, Valencia. Traballou en Baleares, Ribera del Duero, Extremadura, Cataluña e Betanzos e que leva máis de 30 vendimas en este sector e de Juanjo Figueroa, Presidente Asociación galega de Sumilleres AGASU.
Ás 20:00h terá lugar a cata a cegas realizada polo Xurado da distinción “Colleiteir@s distinguid@s, Soutomaior 2025” e ás 20:30 horas chegará o directo de Desconcerto.
Xa na xornada do domingo as casetas permanecerán abertas en horario de 12:00 a 16:00h. O espazo gastro – bar de 13:00 a 16:00 horas e Ás 13:30 horas terá lugar o peche e a entrega de diplomas e distinción oficial “Colleiteir@s distinguid@s, Soutomaior 2025”.
Quen participa?
Un encontro no que participarán: o Furancho Linchú(Vela), Furancho do Pazo María & Conrado(Comboa), Adega do músico(O Sobral), María Sobral(Romariz), Albariño da Baralla(O Val), A casa de Lisa(O Sobral), Irmáns Lorenzo(O Sobral), Furancho O Maroco(Alxán), Veigha do Meirolas (O Rial) e Aires do Verdugo(O Rial).
