A Xunta vén de rematar as obras de acondicionamento dun treito da rúa Miño en Salvaterra de Miño, que conecta a estrada PO-510 coa ponte internacional que une Galicia con Portugal. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, visitou hoxe os traballos realizados, nos que a Administración autonómica investiu un orzamento de máis de 426.000€.
En concreto, actuouse no treito final da rúa, comprendido entre a rúa Rosalía de Castro e ata a rúa Fontoura. Esta intervención permitiu mellorar o estado do viario, das beirarrúas, e da rede alumeado público.
Así, renovouse a pavimentación do viarios, cunha mellora do firme; acondicionáronse as beirarrúas e os traballos completáronse coa rede de alumeado e coa sinalización horizontal da estrada.
M. Allegue subliñou a “singular” actuación realizada, “ao buscar o equilibrio máis axeitado entre funcionalidade para a mobilidade, a seguridade e accesibilidade para os veciños”. A conselleira destacou que as obras son unha aposta firme por mellorar a calidade de vida da veciñanza e impulsar o desenvolvemento do comercio, da economía ou do turismo de Salvaterra de Miño.
A intervención sucede a outras anteriores para a mellora da conexión internacional con Portugal a través de Salvaterra e Monçao, en colaboración co Concello de Salvaterra e o goberno luso. Deste xeito, en maio de 2021 asinouse un convenio entre Xunta e Concello que ordenou as titularidades de rúas e estradas, polo que a Administración autonómica asumiu a rúa Miño pola súa funcionalidade supramunicipal, cesión formalizada no 2022, e que permitiu a execución da obra realizada agora.
En paralelo, rehabilitouse estruturalmente a ponte internacional, obra financiada ao 50% entre Xunta e o Goberno portugués e finalizada no 2022, na que se investiron algo máis de 600.000 €.
“Seguiremos -engadiu a conselleira- investindo nestas actuacións, que nos permiten traballar para acadar unha Galicia mellor conectada e máis accesible, segura e cómoda para vivir”.