O Concello de Mos organiza para o sábado 17 de maio, con motivo das Letras Galegas 2025, o Festival A Ruada das Nosas Pandereteiras ás 11:30h, no Auditorio de Torroso, e como acto central, ás 19:00 horas, celebrarase o concerto do grupo de cantareiras mosenses Arume, no exterior do Pazo de Mos.
O domingo 18, ás 17:00 horas, terá lugar o espectáculo de monicreques Os Contos do Lobicán, tamén no exterior do Pazo de Mos, dirixido ao público familiar. Os Contos do Lobicán é un espectáculo musical de monicreques, en verso, áxil e atrevido, destinado a nenos e nenas de entre 3 e 10 anos. A proposta dá unha volta aos contos clásicos ao tempo que transmite unha mensaxe educativa e valores universais como a amizade, a cooperación, o respecto pola natureza, o pensamento crítico e a importancia da imaxinación.
Tamén o domingo 18, ás 19:30 horas, e dirixido ao público adulto, haberá risas e
diversión da man do grupo de teatro de Mulleres en Igualdade de Mos, que
presentarán os seus monólogos no Círculo Cultural Abrente, co título Non me movas os
marcos.
O broche final será o sábado 24 de maio, ás 12:00 horas, no Pazo de Mos, cunha
actividade dirixida ao público familiar que porá en valor a figura do gran Castelao,
baixo o título Un corazón á intemperie.