Ponteareas conta cunha unidade móbil de tramitación do servizo de Vehículos Integrais de Documentación -VIDOC- para a expedición de documentación. Esta unidade móbil permite a expedición do DNI e do pasaporte de forma instantánea, evitando desprazamentos a outros concellos e axilizando así a súa tramitación.
Segundo informan dende o goberno local, «este servizo achega dúas melloras moi importantes». Por unha banda, a capacidade de emitir un documento en apenas 10 minutos, evitando á cidadanía pasar polos tres trámites habituais ata o de agora nas unidades móbiles (un día para a pegada, un día para a impresión nunha comisaría e un día para a entrega). A segunda novidade é a posibilidade de expedir pasaportes. Este documento tramitábase ata hoxe de forma exclusiva nas Unidades de Documentación, polo que as novas unidades móbiles facilitarán e igualarán en posibilidades aos núcleos poboacionais que non dispoñen de infraestruturas de Policía Nacional.
Deste xeito, unha vez ao mes a unidade móbil estará en Ponteareas para atender a toda a cidadanía que solicite previamente cita no número de teléfono 986 64 00 00.
Co despregamento dos vehículos VIDOC, que dispoñen das mesmas funcionalidades que unha Unidade de Documentación fixa, poderase expedir tanto o DNI como o pasaporte nun mesmo acto. Ademais, estes vehículos tamén terán capacidade para actualizar os certificados dixitais do DNI, xa que contan cun punto de actualización de DNI portátil.
Con todo, Ponteareas beneficiarase desta iniciativa do Plan de Identidade Dixital posto en marcha pola Dirección Xeral da Policía no que se adquiríu e transformou un total de 80 Vehículos Integrais de Documentación cun custo de transformación de case 15.000.000 de euros financiados pola Unión Europea a través dos fondos Next Generation do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.